El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | TURISMO

Os viaxeiros internacionais en Galicia acadaron o seu maior peso en xaneiro

28-02-2018 17:23:48

O viaxeiro internacional mantivo a súa tendencia ascendente no arranque deste ano en Galicia e mesmo acadou o seu nivel máis alto rexistrado nun mes de xaneiro. En concreto, a cifra de turistas estranxeiros aumentou un 5% e o número de noites que fixeron incrementouse máis dun 9%. Isto propicia que acade o seu peso máis elevado. Deste feito, consolídase a liña de internacionalización da actividade turística na nosa Comunidade así como a desestacionalización ao longo de todo o ano.

Os datos globais difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sinalan que Galicia rematou xaneiro cun 1% máis de turistas e un 4,3% máis de demanda. É, polo tanto, unha evolución positiva que sitúa a nosa Comunidade entre as máis dinámicas de España. De feito, en relación co pasado ano, é a cuarta con mellor comportamento en todo o Estado.

É o cuarto ano consecutivo no que o turismo sobe en Galicia en xaneiro. Con case 170.000 viaxeiros aloxados e máis de 315.000 noites, obtense ademais o mellor rexistro desde 2008. Esta melloría deuse no mercado internacional, pero tamén no nacional, que crece un 3,3%. Novamente, Galicia consegue mellorar a súa estadía media, o tempo que permanecen os visitantes, cunha alza do 3,2% mentres que no conxunto do Estado descendeu un 2%.


Ourense medra máis dun 12%

Na análise por provincias, resulta especialmente salientable o dato obtido en Ourense, que incrementou en máis dun 12% o seu número de viaxeiros. No caso de Lugo, esta subida foi do 5%, permitindo avanzar na diversificación dos fluxos turísticos. Este é un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento realizado en consenso co sector e que traballa por revalorizar os recursos propios da Comunidade tanto na costa como no interior.

Nesa liña, o Goberno autonómico está a impulsar e apoiar novos produtos e iniciativas como Escenarios ao volante, que propón 25 rutas polas mellores paisaxes e outros 50 miradoiros imprescindibles, Galicia Surfing, a Ruta dos Faros, Experiencias nos parques naturais ou o Club da auga, que combina termalismo, turismo náutico e fluvial, Paradores e o Camiño de Santiago. Este último recibiu nos dous primeiros meses do ano un 27% máis de peregrinos. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias