A Coruña.- O
Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou hoxe a Oferta de
Emprego Pública para persoal docente e investigador do ano 2018 que ascende a
10 prazas para profesor contratado doutor; 20 prazas de profesor Titular de
Universidade, 3 prazas de profesor Titular de Universidade con praza vinculada
no SERGAS e 23 prazas de catedrático de Universidade.
O
reitor, Julio Abalde, explicou, na rolda de prensa posterior ao Consello de
Goberno, que partindo dunha situación de 30 prazas da taxa de reposición por
xubilacións e baixas tomouse a decisión de convocar 10 para estabilizar aos
axudantes doutores que rematan contrato este ano e poidan ter un contrato
indefinido e 20 prazas de promoción para os contratados doutores que teñan os
requisitos de acreditación a Titular de Universidade. Ademais, en aplicación da
lei que permite a creación dun número de
prazas de catedrático en promoción interna igual que a oferta de emprego
público en quenda libre, a UDC propón 23 prazas de catedrático de Universidade.
“É unha oferta pública que aproveita ao máximo as posibilidades da taxa de
reposición e non incrementa o custe global da plantilla da UDC”, explicou o
reitor, engadindo que “permítenos manter os obxectivos da nosa política de
profesorado que é reter o talento coa estabilización e facer promoción do
profesorado que presente a acreditación”. Abalde cualificou esta oferta de
emprego pública como “ambiciosa” e asegurou que “minimiza os efectos que a taxa
de reposición destes anos produciu na plantilla”.
A
sesión de hoxe aprobou ademais a proposta do equipo de goberno da UDC de
ampliar ao persoal docente e investigador o disfrute das baixas por maternidade
de 16 a 20 semanas, e outras medidas referentes a permisos e licencias no
ámbito das políticas de igualdade recollidas na Lei 2/2015 de 29 de abril do
Emprego Público de Galicia, que é de aplicación para o persoal funcionario de
administración e servizos das universidades galegas pero non para o
profesorado. Os custes da extensión desta medida ao profesorado sairá dos
orzamentos da UDC.
Preguntado
na rolda de prensa pola situación actual das obras da residencia universitaria
da Coruña, o reitor avanzou que levan unha pequena demora pero espérase que
este curso rematen as obras para que a UDC poida facer os traballos de
equipación, e poder sacar a convocatoria de prazas antes do verán e que comece
a súa actividade o próximo curso. Departamento de comunicación