O secretario
xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “os gobernos do Partido Popular o
único que non foron capaces de lograr en materia de emprego foi crealo ao mesmo
ritmo que os socialistas e os nacionalistas o destruíron”. Así mesmo,
manifestou que aínda que os partidos da oposición volverán intentar torturar os
números para pintar un panorama catastrófico, a realidade é que os datos de emprego
coñecidos esta mañá son “moi positivos”.
Así, celebrou que
o paro continúe baixando en Galicia,
sendo a segunda autonomía na que máis descende; que se creen postos de traballo
e teñemos 25.000 afiliados máis á Seguridade Social ca hai un ano, a maior
subida desde o inicio da crise; e que o emprego que se crea sexa de maior
calidade, xa que medran os contratos indefinidos e a tempo completo, de xeito
que tres de cada catro galegos teñen un contrato indefinido e case nove de cada
dez traballadores traballan a xornada completa.
Malia que se
trata de boas cifras, igual que os espectaculares datos de crecemento económico
que coñeciamos onte, Tellado asegurou que non deben servir para ser
conformistas, senón para animar a mellorar cada día, consolidar a recuperación
e facer que a sintan todas as familias.
Traballar desde as institucións pola igualdade
Na súa
intervención, Tellado tamén afirmou que o PPdeG considera que o mellor xeito de
celebrar o 8 de marzo é seguir traballando como cada día desde as institucións
por unha igualdade real entre homes e mulleres. Así mesmo, anunciou que o seu partido sumarase ás
homenaxes polo Día Internacional da Muller cun encontro denominado “As Mulleres
Facendo Galicia”, que terá lugar esta sábado na Coruña e no que terán a
oportunidade de escoitar a aquelas que son un exemplo e un referente para toda
a nosa Comunidade e que sobresaen en diferentes ámbitos.
O secretario
xeral puxo en valor o traballo realizado polos populares para reducir a fenda
salarial, que en Galicia é máis baixa que no conxunto de España, e en España é
máis baixa ca na media Europea; para que os salarios das mulleres medren, e na
última década en Galicia medraron máis cós dos homes, sendo a segunda Comunidade
na que máis o fixeron; así como para crear emprego feminino, e a taxa de
desemprego é menor cá da media española caendo un 7% en 2017.
Conscientes de que non é suficiente, o número dous do PPdeG lembrou que desde o Goberno Galego estase a impulsar
desde 2017 un Plan de Emprego Feminino, dotado con 100 millóns de euros e que
vai enfocado a catro eixos fundamentais: fomentar a incorporación de
mulleres ao mercado laboral, facilitar a súa incorporación a postos de
dirección e que evolucionen cara a industria 4.0, apoiar a implantación de
medidas de igualdade nas empresas e promover o emprendemento feminino.
Nese senso,
Tellado recoñeceu que este é un traballo moito máis útil para as mulleres e
para a sociedade no seu conxunto que
promover unha folga que ten moito máis trasfondo político ca laboral e
que conseguirá que este mes as mulleres que a secunden cobren menos cós seus
compañeiros que fan o mesmo traballo e non están chamados a secundala. “Todas
menos Ana Pontón, que seguirá cobrando o mesmo pese a faltar ao seu posto de
traballo”, precisou.
Ademais, apuntou
que desde PPdeG estiveron sempre convencidos de que a igualdade vai moito máis
alá do eido laboral, por iso foron os primeiros en aprobar unha Lei de
Igualdade, cun Goberno de Manuel Fraga. Neste momento Pontón xa era deputada,
participou na ponencia da Lei no Parlamento e negouse a apoiala, tal e como
recordou Tellado.
“Por moitas
mentiras que queiran divulgar os partidos de esquerda e por moitas máis
falsidades que quixeran inventar, hoxe a realidade en Galicia é que desde nas
institucións gobernadas polo PP imos seguir perseguindo e denunciando calquera
discriminación salarial e laboral por razón de sexo, as nosas políticas activas
de emprego seguirán incentivando o emprego feminino, a fenda salarial é menor
en Galicia que no conxunto de España e vaise acurtando, as políticas de
igualdade en Galicia orixínanse e amplíanse con gobernos do PPdeG e hai máis
orzamentos para igualdade e máis políticas de conciliación”, sentenciou. Departamento de comunicación