A
presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de
Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, inaugurou esta mañá o “Encontro de
mulleres columnistas: As mulleres que opinan son perigosas” nun Teatro
Provincial ateigado de persoas. O
encontro, que arrancou esta mañá ás 12.30, prolongarase ao longo da tarde e
estenderase durante toda a xornada de mañá coa participación de trece mulleres
columnistas de relevancia nacional, de diferentes xeracións e perfís, que
reflexionarán sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.
Carmela
Silva aproveitou a inauguración do encontro para facer mención ás opinións críticas
vertidas nas redes sociais relativas a un encontro exclusivamente feminino. Ao
respecto, a presidenta da Deputación –amosando imaxes de congresos, encontros,
reunións e foros con participación única masculina- destacou que “estes días nas redes, cando
tanto Diana López como Susana Pedreira informaban sobre o Encontro de Mulleres
Columnistas e a importancia de visibilizar o papel das mulleres xornalistas,
axiña aparecían comentarios con preguntas relativas ao papel exclusivo das
mulleres no encontro. Cando se organizan encontros onde a participación é de
homes non se pregunta porqué non hai mulleres e sen embargo, se acontece o
contrario, como neste caso, si”. Ao respecto, Carmela Silva reivindicou a
necesidade do encontro para “amosar que as mulleres non é que esteamos
infrarrepresentadas e que tamén estamos invisibilizadas nos medios de
comunicación”.
Durante
a inauguración do encontro, a presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou
a ocasión para poñer en valor o papel da muller que escribe columnas de opinión.
“Os artigos de opinión falan de temas relevantes para fixar a opinión da
sociedade e se non contamos coa opinión das mulleres nos medios, tampouco
estamos a estender a opinión das mulleres na sociedade”, asegurou Silva. E esta
escasa presenza das mulleres nas columnas de opinión nonestá relacionada cos
datos que presentou a presidenta e poñen de manifesto que o 64% das persoas que
se gradúan en xornalismo son mulleres. “O 64% do talento –destacou Silva- non
está presente nos medios de comunicación a través da opinión, algo gravísimo se
temos en conta que o 80% das firmas destes artigos é masculina, ao igual que
acontece nos faladoiros de radio e televisión ou nos debates de expertos, onde
a participación masculina é do 91% e manifesta que a voz das mulleres non está
nin se ten en conta cando se fala de persoas expertas. O problema non está na
capacidade ou na formación, os datos son obxectivos, o problema está en que ás
mulleres se nos arrebatan os espazos para opinar”.
Pola
súa banda, o alcalde de Pontevedra puxo en valor a importancia deste foro “para
visibilizar unha realidade e intentar cambiala”. Miguel Anxo Fernández Lores
destacou que “o feminismo é fundamental para cambiar esta sociedade machista e
discriminatoria e acadar un mundo máis xusto e solidario, algo que non é
posible se o 52% da sociedade que son as mulleres non están incorporadas en
todos os eidos”.
No
caso concreto do encontro e sobre as columnas de opinión, Lores asegurou que
“os medios son unha ferramenta fundamental para que a sociedade mude e non pode
mudar se se seguen a reproducir os roles que temos vivido dende hai séculos. A
única forma de que cambie é que as mulleres opinen e teñan presenza”.
As
organizadoras do evento, Diana López Varela e Susana Pedreira, tomaron tamén a
palabra no transcurso da inauguración. Así López asegurou que “as mulleres que
están estes días aquí o están porque o demostraron por méritos propios, merecen
ser escoitadas e que todas e todos poidamos desfrutar das súas reflexións”.
Pola súa banda, Pedreira aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación de
Pontevedra e ao Concello “a súa implicación e participación para que este
congreso sexa unha realidade”.
Trala
inauguración, a primeira conferencia foi a cargo de María Varela, xefa de
redacción do Diario de Pontevedra. Varela abordou cuestións relativas á
“Opinión nos medios locais” poñendo en valor que no xornal no que traballa
“teño a sorte de ter unha fiestra na que opinar todas as semanas, en liberdade,
sen censura, na que me gusta falar de como aprendo a ver a vida a través dos
ollos dos meus fillos”. Sen embargo, a redactora xefa tamén subliñou que é
“unha afortunada”, xa que nos xornais o habitual é que “canto máis nos
achegamos ao poder menos mulleres atopas no camiño e que, pese a maior parte da
información política é desenvolvida por mulleres, para os debates e opinións
sempre se chama aos homes, é dicir, os que toman as decisións e os que se
visibilizan son os homes”.
A
xornada de mañá terminou coa conferencia “O perigo de opinar sendo muller. O
acoso machista en redes” a cargo de Ana Bernal. Esta xornalista e columnista
detívose en analizar o “acoso, ameazas e insultos que sufrimos as mulleres
cando opinamos”. Para elo, Bernal amosou os insultos e ameazas publicados en
redes sociais ante opinións de xornalistas femininas de relevancia nacional
como Ana Pastor ou Julia Otero. Tamén deu a coñecer datos da Federación
Internacional de Xornalistas e de Amnistía Internacional que poñen de manifesto
que o 63% das mulleres xornalistas recoñece ter sufrido abusos verbais, o 41%
abusos psicolóxicos, o 37% sexuais e ata o 11% agresións físicas, ou que 1 de
cada 5 mulleres xornalistas sufriron abuso en redes que ocasionan cambios de
comportamento, chegando en ocasións a silenciar as súas opinións.
Xa
pola tarde, ás 17.00 horas, Elisa Beni reflexionará sobre “A opinión en procesos
xudiciais mediatizados”; ás 17.45 horas Marta García Aller abordará a “Economía
na opinión. A fin do mundo tal e como o coñecementos”; ás 19.00 horas Diana
López, EmmaGascó, AnitaBotwin e Ana I. Bernal debaterán sobre “Sobrevivir
escribindo opinión. O oficio de freelance”. A última conferencia do día terá
lugar a cargo de Rosa Montero e versará sobre “A opinión máis alá da
actualidade. A lixeireza”.
O sábado, a xornada comezará ás 10.30, coa benvida de Ana Pardo de
Vera. Media hora máis tarde FernandaTabarés falará sobre a “Opinión na
contraportada. A páxina máis cobizada” e ás 11.45 horas InmaLópz Silva fará o
mesmo sobre “Escritoras que opinan. Do libro á prensa”. A continuación, ás
13.00 horas, Lucía Taboada abordará cuestións relativas “Á opinión en tempos de
millenials” e Diana López Varela sobre “A opinión desde o eu. Do blog á
prensa”, ás 13.45 horas. Pola tarde, ás 16.30 horas EmmaGascó falará sobre a
“Opinión ilustrada. Mulleres que debuxan pensamentos”; ás 17.15 horas
AnitaBotwin dará a coñecer o que é “Escribir con dor. A diversidade funcional
na axenda mediática”; ás 18.00 horas Celia Blanco ofrecerá unha conferencia sobre
“Dentadas e tacóns. Mulleres opinando sobre sexo”; ás 19.00 “A maternidade na
opinión mediática. Mulleres saíndo do lado escuro” será debatida por María
Varela, FernandaTabarés, Inma López Silva e Celia Blanco; e rematará o encontro
coa ponencia de Ana Pardo de Vera titulada “Mulleres que dirixen medios.
Rompendo teitos de cristal”. Departamento de comunicación