O
presidente do PPdeG, Núñez Feijóo, participou hoxe no encontro “As
mulleres facendo Galicia” onde salientou que é necesario que a igualdade
non sexa unha trincheira política, senón unha misión compartida entre todos.
“Espero que este Día da Muller marque un cambio na dinámica política e que a
igualdade non se vexa como un campo de xogo para gañar votos, senón como unha
prioridade nacional que require grandes acordos”, salientou.
Así
mesmo, engadiu que respecta que se convoque unha folga para reivindicar a
igualdade, pero que tamén espera que participen con decisión para enriquecer as
medidas que propón a Xunta neste eido. De igual xeito, asegurou aplaudir que se
fale de igualdade en todos os plenos parlamentarios, pero “tería sido mellor
que en 2004 votasen a favor da Lei de igualdade, que tivo que aprobar en
solitario o PPdeG”.
Núñez Feijóo sinalou que agarda que nunca máis lle toque ao PP impulsar estas medidas
sobre igualdade en solitario porque “para nós, o Día da muller é un exame dos
compromisos que xa cumprimos e dos retos que aínda faltan por cumprir”.
Ademais
lembrou que a Xunta aprobará o primeiro Plan de conciliación e
corresponsabilidade, que porá o foco nun reparto equitativo das
responsabilidades domésticas e familiares entre homes e mulleres.
Durante
o acto, celebrado na Coruña, subliñou que ninguén pode dicir que o seu partido
non contribuíse a acadar unha Galicia máis igualitaria. Nese senso, destacou
que o fixeron impulsando a formación en igualdade para os traballadores
públicos da Xunta, loitando contra a lacra da violencia de xénero -ao que
destinan o orzamento máis alto da historia da autonomía-, ampliando o
número de prazas públicas de gardería; e con novos recursos de conciliación,
ampliando a baixa de maternidade a 20 semanas máis dúas de preparto; ou
avanzando na educación igualitaria para as galegas e galegos do futuro, cunha
materia de Igualdade na ESO e unha nova FP de Promoción de igualdade de xénero.
Avances logrados e por lograr
Feijóo
puxo de manifesto que, en pleno 2018, o obxectivo de visibilizar por igual as
achegas de homes e mulleres aínda non se logrou por completo, polo que é
necesario debater os porqués e intentar buscar solucións; sen obviar que a
igualdade plena está cada vez máis preto.
Deste
xeito, amosouse orgulloso de que, no eido político, as mulleres do PP fosen
pioneiras: a primeira presidenta do Senado foi do Partido Popular, no primeiro
Parlamento de Galicia había tres deputadas, dúas delas populares e ningunha dos
partidos de esquerda, e tamén da súa formación foi a primeira conselleira da
historia da autonomía, María Jesús Sainz. “Sen estas pioneiras, probablemente
non sería posible que hoxe, o 45% dos membros do Parlamento de Galicia sexan
mulleres”, afirmou.
Aínda
que se avanzou moito, amosouse convencido de que “cada ano que pase Galicia
será máis igualitaria”, Feijóo fixo fincapé tamén no que queda por facer. Ao
respecto, apuntou que hai que seguir visibilizando referentes femininas que
triunfaron nos seus ámbitos, avanzar na participación das mulleres en eidos cun
enorme potencial de crecemento, seguir pulando para reducir a fenda salarial
-Galicia hoxe rexistra a maior taxa de emprego feminino desde 2002 e, desde o
inicio da crise, a desigualdade reduciuse máis de 3 puntos, pero aínda estamos
lonxe da equidade total-, ou progresar na corresponsabilidade e a conciliación. Departamento de comunicación