A Coruña.- Como unha “provocación” cualifica a vicepresidenta Goretti Sanmartín que a familia Franco despositara as esculturas do Mestre Mateo no Pazo de Meirás despois de se pechar a exposición na Catedral de Santiago. Lembrou que tanto as obras artísticas que foran mercadas polo Concello de Santiago como o propio Pazo teñen que ser bens públicos.
A primeira visita programada no Pazo de Meirás descubriu que as imaxes de Abraham e Isaac do Mestre Mateo que a familia Franco gardaba na Casa de Cornide tiñan un novo destino, un inmóbel en venda con todo o que atesoura no seu interior. Ante esta situación, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lamenta “a impunidade coa que actúa a familia Franco que fai que podan campar ao seu aire nun momento en que é un clamor a reclamación tanto do Pazo de Meirás como das esculturas que son obras singulares da arte universal e que son bens que foran mercadas polo Concello de Santiago de Compostela”. Criticou tamén que non se tiveran pedido “medidas cautelares” para que as esculturas non tiveran regresado ás mans dos Franco, como aconteceu con outras obras de arte en que se cuestionaba a súa propiedade.
Apoloxía do franquismo
Goretti Sanmartín lamentou tamén que o Pazo de Meirás continúe a ser “un templo do franquismo onde se está a facer apoloxía do réxime represivo” incumprindo a Lei da Memoria Histórica. A vicepresidenta da Deputación da Coruña chamou a “sumar forzas para que a memoria do ditador non continúa a campar con impunidade oitenta anos despois de que o golpe militar iniciara o período de represión máis brutal da nosa historia”. Departamento de comunicación