A Coruña.- A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación , Xesús Soto, visitaron hoxe a derradeira fase das obras da primeira residencia universitaria pública da cidade da Coruña. Este complexo porá a disposición da comunidade estudantil desde o vindeiro curso académico 118 prazas de aloxamento.
A visita institucional en que tamén participarón persoal ténico do servizo de arquitectura da institución e da empresa construtora serviu para valorar o estado dunhas obras ás que Deputación da Coruña destinou un orzamento de dous millóns e medio de euros e que, en palabras da vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín “servirá para dar solución a unha débeda histórica que tiñamos coa Universidade da Coruña” ao non existir unha residencia pública universitaria na cidade herculina.
Goretti Sanmartín subliñou que “o vindeiro mes de setembro estarán listas as 118 prazas”, momento “en que se poderá contemplar a Residencia Elvira Bao en pleno funcionamento”. Con máis de 2.200 metros de superficie construídos, o proxecto fica intregado por un total de 60 cuartos (58 dobres e dous adaptados para persoas con mobilidade reducida) con que se resolverá en parte unha das grandes necesidades da comunidade universitaria de A Coruña.
A vicepresidenta apuntou que as obras sufriron un atraso debido aos efectos derivados das humidades que posuía un dos edificios do complexo, un problema estrutural que precisou de 500.000 euros adicionais para ser subsanado.
A nova Residencia Universitaria Elvira Bao, emprazada no mesmo edificio que o IES Calvo Sotelo e a residencia estudantil homónima, representa a segunda fase de execución de obras sobre este complexo de mediados do século XX, pois o a institución provincial xa promoveu as remodelación da Residencia Calvo Sotelo, á que destinou un orzamento de máis de un millón de euros para dotar con 28 cuartos (53 prazas) ao centro de ensino. Estas estancias xa están a ser ocupadas polo alumnado.
Neste sentido, a conxunción de espazos entre a residencia da Deputación e a universitaria, Goretti sanmartín explicou que “imos estudar posibles fórmulas de colaboración para os espazos comúns deste edificio, uns espazos que se poidan rendibilizar no futuro, como pode ser o comedor”, concluíu.
Pola súa parte, o reitor da UDC, Julio Abalde, salientou que coa nova obra “vese a luz ao final dun longo camino” e apuntou que desde a Universidade da Coruña “xa se está a traballar en adquirir o equipamento necesario para o correcto rendemento da infraestrutura”. Así, xunto coa dotación do equipamento das novas instalacións a xestión do complexo residencial tamén correrá a cargo da Universidade da Coruña. Departamento de comunicación