O
Presidente, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García,
presentaron hoxes, no salón de actos do Pazo de San Marcos, a Semana
Santa internacional de Viveiro, que conta co apoio do Goberno da Deputación,
cunha achega de 25.000 euros, pois supón un importante revulsivo económico, non
só para o Concello, senón tamén para a Mariña e o conxunto da provincia.
Ademais, o Executivo tamén colabora coa carpa Antesala dun Museo, onde están
expostos os diferentes pasos da Semana Santa; así como con actividades de
promoción e posta en valor da cita como atractivo turístico da provincia de
Lugo, capaz de xerar riqueza.
No acto
tamén participou o Presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, José Veiga Golpe. Este colectivo representa ás 8
confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”,
“Cofradía del Santo Rosario”, “Cofradía del Santísimo Cristo de la Piedad”,
“Hermandad del Prendimiento”, “Hermandad de las Siete Palabras”, “Hermandad de
la Santa Cruz”, “Nazareno dos de Fóra”, e “Misericordia”.
Campos
Conde destacou “a grande dimensión que ten acadado a Semana Santa de Viveiro, sendo
un dos principais reclamos turísticos da Mariña Lucense e, sen dúbida, un dos
eventos que consegue atraer a máis visitantes á nosa provincia chegados de
todos os puntos de España e tamén doutros países. Neste senso, cómpre subliñar
que a Semana Santa move, de media, a unhas 30.000 persoas, coa consecuente
repercusión económica que isto supón, acadando unha ocupación hoteleira no
municipio do 100% ”.
O
Presidente engadiu que “froito do traballo que o Concello de Viveiro desenvolveu
conxuntamente coas confrarías, hoxe en día podemos presumir de celebrar na
provincia de Lugo unha das Semanas Santas máis importantes de España, cun amplo
programa de actos e a implicación de toda a veciñanza”.
Pola
súa parte, Loureiro García agradeceu “o compromiso do Goberno Provincial con
esta cita” e lembrou a figura de Melchor Roel “unha persoa clave para entender
o que representa hoxe a Semana Santa, posto que foi capaz de unificar o esforzo
dos máis de 3.000 confrades, -máis do 20% da poboación total de Viveiro-,
mediante o impulso á Xunta de Confrarías”.
A
Deputación de Lugo colaborou co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías
para que a Semana Santa viveirense, que é de Interese Turístico Nacional dende
o ano 1988, recibise esta distinción a nivel internacional no 2013.Así mesmo, a
través da Fundación TIC elaborou varios traballos audiovisuais, difundindo a
Semana Santa viveirense en destacadas citas como FITUR.
Máis de
185.000 euros
O
Goberno da Deputación de Lugo leva colaborado intensamente co Concello de
Viveiro e a Xunta de Confrarías para promover e pór en valor a Semana Santa
deste concello mariñán, un reclamo turístico xa consolidado na provincia. Faino
debido á importancia desta cita para a economía local e provincial pois, cada
ano, son máis as persoas chegadas de todos os recunchos de España; así como
doutros países, as que deciden gozar dun evento que conta co distintivo de
Interese Turístico Internacional dende o ano 2013, candidatura promovida polo
Goberno Provincial.
Ademais,
nos últimos anos o Executivo Provincial achegou máis de 185.000 euros para
colaborar na organización dos actos; así como coa propia Xunta de Confrarías.
Realizáronse tamén ducias de obradoiros para nenos, a través da TIC da
Deputación e do CENTRAD. Departamento de comunicación