O
presidente do PPdeG, Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que é necesario
seguir reivindicando a participación activa e leal das comunidades no proceso
de construción europea.
Durante
a súa intervención nas xornadas que organiza o Grupo parlamentario do PP
Europeo remarcou que a política autonómica non se pode disociar da política
europea e que estes 32 anos exerceron unha decisiva influencia transformadora
en Galicia, salientando que a descentralización dalgúns países non lograron
fragmentar Europa, senón ao contrario: “reforzaron a Unión”.
Defensa da estabilidade
Feijóo
lembrou que entre os valores fundacionais da Unión ocupa un lugar moi especial
a defensa da estabilidade, recoñecendo que “xamais podemos dar por feito o
obxectivo de manter unha Europa estable, responsable e democrática”.
Así
mesmo, apuntou que a recesión económica rachou a confianza dos europeos nas
súas institucións e que sería irreal afirmar que saímos indemnes pero, “grazas
á unidade e á responsabilidade de todos, conseguimos amortecer as consecuencias
destas acometidas”.
Nese
senso, lamentou que un dos golpes ao proceso de construción europeo proveu
dalgúns dirixentes de Cataluña, indicando que non é casualidade que, cando Carles
Puigdemont comprobou que ningún país europeo daba cobertura ao seu desafío
separatista, orientase as súas críticas cara á UE.
“O expresidente catalán é
plenamente consciente de que, nunha Europa forte, xamais poderá ter éxito no
seu intento de dividir a sociedade catalá e debilitar a democracia española”,
subliñou.
Importancia da cohesión
Feijóo
tamén fixo fincapé en que as rexións están a traballar para lograr unha Europa
máis unida e forte para o que é preciso seguir apostando pola cohesión entre
territorios, engadindo que, agora que se fan escoitar propostas populistas,
nacionalistas e radicais, “debemos defender con máis forza que nunca a vixencia
de Europa como proposta e como resposta”.
Deste
xeito, admitiu que unidos poderase seguir optando ao liderado mundial en
materia de innovación, continuar apostando por unha agricultura e gandaría modernas,
eficientes e sustentables; e consolidarnos como potencia pesqueira, superando así
os desafíos que entraña o Brexit.
Así,
e malia que son moitos os que desexan que a Unión Europea se debilite, Feijóo
apostou por seguir defendendo sen complexos unha Europa estable, próspera e
integradora; continuar traballando por unha Europa orientada a reducir as
desigualdades entre os seus membros; e proseguir reivindicando que a historia
da Unión Europea é ante todo unha historia de éxito.
Galicia
Durante
o seu discurso, Feijóo tamén fixo referencia á importancia da innovación,
destacando o obxectivo de lograr en 2020 un investimento en I+D+i do 3% do PIB,
algo para o que Galicia está a facer importantes esforzos ata o punto de que “convertemos
a innovación nunha prioridade rexional”.
Sobre
isto, o presidente tamén puxo en valor que duplicamos o volume de fondos
conseguidos neste primeiros catro anos de Horizon 2020, os proxectos dos
investigadores galegos conseguiron atraer fondos europeos por un valor de 66,4
millóns de euros desde 2014 e aumentouse a cota de proxectos con participación
galega que lideran os nosos científicos.
A
innovación tamén se converteu no motor fundamental de moitos ámbitos da nosa economía
e a sociedade e, nese sentido, Feijóo lembrou que en sanidade impulsáronse
avances como a receita ou a historia clínica electrónica, ademais de técnicas
de hospitalización experimental e a domicilio en hospitais galegos; en enerxía,
estase a impulsar en Ourense un ecobarrio pioneiro e acabaranse de aprobar unhas
novas Directrices Enerxéticas que nos permitirán seguir consolidando unha
economía máis sustentable; na industria, estamos a apoiar a implantación da
fábrica intelixente e mobilizamos preto de 1.000 millóns no marco da Estratexia
de especialización intelixente RIS3; e en contratación pública, Galicia é líder
a nivel español en Compra Pública Innovadora. Departamento de comunicación