Pontevedra.- "Sinto
unha profunda emoción e alegría. Síntome nunha resaca emocional por todo o que
aconteceu onte". Esas son as palabras que empregou a presidenta da Deputación
de Pontevedra, Carmela Silva, para facer balance da folga feminista do 8 de
marzo, Día Internacional da Muller. A presidenta provincial asegurou que“hoxe a
vida continúa e xa non estamos en folga, pero desde o Goberno desta institución
seguimos moi activas e activos reclamando a Igualdade”.
Carmela
Silva lembrou que “este é un éxito exclusivamente das mulleres” e por iso
felicitou “a todas as mulleres da provincia de Pontevedra polo seu poder”. A presidenta amosouse rotunda, por unha banda, ao asegurar que “onte as mulleres
demostraron que cando están xuntas non hai quen as pare”. E, pola outra banda,
tamén rotundidade ao definir as distintas concentracións e a folga como “un
éxito rotundo e extraordinario que marcará un antes e un despois na loita pola
igualdade”. Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque “non houbo un só
concello na provincia de Pontevedra no que non houbera concentracións de
mulleres”, un feito que a fai sentir, dixo, “feliz e agradecidísima”.
A presidenta provincial volveu incidir no protagonismo das mulleres e asegurou
que “ningún cargo político, sexa da cor que sexa, debería intentar que ese
éxito fora seu, porque non é certo”. Pola contra, Carmela Silva valorou
especialmente o paro das mulleres xornalistas “porque se fixeron visibles,
tiveron unha presenza propia que me provocou unha grande emoción ao velas e por
iso lles dou os meus parabéns a todas”. Por todas estas razóns, asegurou, “onte
comezou algo que vai durar durante moito tempo e que obrigará a que todas as
administracións aproben leis que rachen dunha vez por todas coas
discriminacións que padecemos as mulleres”.
Carmela Silva
valora as iniciativas da Deputación de Pontevedra ao abeiro do 8-M
Onte
as redes sociais da Deputación de Pontevedra unicamente informaron sobre
contidos relacionados coa folga de mulleres no ámbito provincial. A Presidenta
da institución provincial fixo balance da repercusión que acadou a
retransmisión en directo da lectura do manifesto “Cubrir o planeta coa palabra
igualdade”, escrito pola propia Carmela Silva: un total de 4.000 impresións e
preto de 750 visualizacións, “nunca antes unha retransmisión en Periscope da
Deputación de Pontevedra tivera tanta repercusión en menos de 24 horas”.
Os
actos organizados pola Deputación ao abeiro do 8-M comezaron xa a semana pasada
e Carmela Silva sinalou que “entre todas e todos estamos a converter a
provincia de Pontevedra nun referente de loita pola igualdade. No Goberno
provincial non o facemos para colocarnos medallas, senón porque é a nosa obriga
e queremos que no noso territorio todas e todos teñamos os mesmos dereitos”.
O
inicio das accións marcouno o encontro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”.
Estas dúas xornadas “foron unha revolución en Twitter, escribíronse milleiros e
milleiros de chíos que nos permitiron acadar unha repercusión espectacular: un
total de 21 millóns de impactos en
Twitter”, informou Carmela Silva. Do mesmo xeito, a conta da Deputación de
Pontevedra tivo un 420% máis de visualizacións que os mesmos días da semana
anterior e o hashtag #MulleresQueOpinan foi trendingtopic “durante preto de 11
horas e colocouse no quinto posto dos temas máis comentados durante a maior
parte da tarde do venres”. Carmela Silva agradeceu “ás xornalistas que tiveron
esta idea e a todas as que participaron, de todo o Estado, para facer de novo
ás mulleres xornalistas as protagonistas”. Por iso, dixo a Presidenta
provincial, “estou segura de que a partir de onte comezaremos a ver máis
mulleres dirixindo e con protagonismo nos espazos de opinión. Como se podería
explicar que iso non fose así?”.
Tamén
tivo palabras Carmela Silva para a mostra “Rompe. Xoga en Igualdade”, da que
asegurou sentirse “moi orgullosa” ao anunciar que “está a ter moita presenza
nos medios, non só os da provincia e de Galicia, senón tamén a nivel estatal”.
De feito, informou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, “o xornal
‘Público’ levouno onte á súa páxina de portada e, hoxe, a páxina 21 de ‘El
País’ comeza falando das Barbies desta mostra nun artigo chamado El futuro empezóayerescrito por Manuel
Jabois”. Departamento de comunicación