O secretario
xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que o PPdeG explorará a
súa canteira en busca de novos talentos no seu II Torneo de Debate, un evento
no que se darán cita un cento de participantes e que clausurará o domingo a
vicesecretaria de Estudos e Programas, Andrea Levy.
O número
dous dos populares galegos lembrou que desde o seu partido están a levar a cabo
unha intensa axenda de formación para os seus cargos e afiliados na que tamén se
enmarcou a xornada “Facendo Galicia desde os Concellos” e na que se atopa esta
segunda edición do Torneo de Debate do PPdeG.
“Tralo
éxito da primeira edición, desde a nosa organización estivemos decididos desde
o primeiro momento a repetir a experiencia e, lonxe de rebaixarse a interese,
vimos como este ano se incrementou”, apuntou Tellado, que engadiu que nesta
ocasión creceu o número de equipos, o número de participantes, e o número de
xuíces interesados en ser parte desta experiencia, “polo que tamén nos vimos
obrigados a desenvolvelo en dúas xornadas distintas”.
“Desde o Partido Popular de Galicia debemos
estar moi orgullosos de levar a cabo experiencias como estas”, manifestou,
apuntando que están orgullosos de ter a afiliados e simpatizantes, pero tamén a
deputados e concelleiros dispostos a
empregar un fin de semana en mellorar as súas capacidades oratorias; de ter un
partido que se reúne entorno a unha actividade lúdica para fomentar o debate
rigoroso e documentado “fronte a outros que só se reúnen para conspirar uns
contra outros, facerse desplantes ou acabar a patadas”; e de ser
inconformistas. Nese senso, subliñou que dedican moitas horas a pensar no que
deben mellorar e en buscar novas formas para facelo “mentres outros celebran
que cada vez teñen peores resultados e cren que os que están equivocados son os
demais por non votarlles”.
O
secretario xeral tamén recoñeceu que se trata dunha actividade moi interesante
no aspecto formativo, dado que se exercitan capacidades comunicativas moi
necesarias no día a día e no aspecto do descubrimento do talento, “xa que
poderemos ver a simpatizantes, afiliados ou cargos locais que non soen estar na
primeira liña pública”. Igualmente, sinalou que, logo da primeira edición, e
ante a boa acollida da segunda, semella que vai camiño de consolidarse para
vindeiros anos.
“Debemos
celebrar non só que en Galicia teñamos capital humano para poñer en marcha
iniciativas deste estilo, senón que tamén susciten interese no partido a nivel
nacional”, precisou mentres destacaba que “hoxe podemos destacar que somos un
partido que non para, e que está activado para moito máis ca os procesos
electorais; que sempre está pensando en aprender e en crecer, e en xeitos para
facelo; e que non ten medo a buscar e facer emerxer o talento que temos
agochado por todos os recunchos de Galicia”.
Suba salarial aos funcionarios
Por outra banda, Tellado fixo referencia ao acordo
para a subida salarial dos funcionarios, para o que o Goberno galego xa ten
consignada nos Orzamentos de 2018 unha cantidade á espera de que o Goberno os
habilite para poder realizar esta suba retributiva, e lembrou tamén as
negociacións entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos a nivel estatal para
pechar un acordo a tres anos (de 2018 a 2020), e que suporía unha suba salarial
de preto do 9% ata 2020.
“Esta suba
salarial aplicarase aos 87.000 traballadores da Xunta, da sanidade pública e do
ensino público, e tamén nas universidades e no ensino concertado”, dixo
Tellado, que recordaba que neste momento ningunha administración pública pode
subir os salarios dos seus empregados públicos, xa que os Orzamentos do Estado
están prorrogados e non hai habilitación legal.
Neste
sentido, admitiu que xa hai un motivo máis para que os partidos da oposición,
tamén os galegos, apoien os Orzamentos Xerais do Estado e demostren que están
realmente preocupados polas cuestións que lle preocupan aos cidadáns, “e non
simplemente en sacar rédito político ou de buscar un titular chamativo ao día
seguinte”.
Cómpre
indicar que se pediu un grande esforzo aos funcionarios para colaborar a sacar
a Galicia da crise, por iso houbo que modificar as súas condicións laborais hai
uns anos para que os que tiñan emprego e soldo garantido axudasen a chegar a
fin de mes aos que máis padeceron os efectos da recesión.
O Goberno
galego asegurou que cando as circunstancias llo permitisen devolverían ese esforzo,
e non só se devolveu coa recuperación das pagas extras que se adebedaban senón
que agora váiselles agradecer cunha suba salarial da que tamén se vai beneficiar
o conxunto da economía galega, xa que eses incrementos retributivos mellorarán
o consumo e incidirán tamén de forma positiva na recadación fiscal. Departamento de comunicación