O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, participou hoxe
no II Torneo de Debate do PPdeG onde reivindicou que a súa formación “cre que a política só se enriquece desde o diálogo
construtivo”.
Acompañado
polo portavoz parlamentario do partido, Pedro Puy, animou aos participantes a
defender con unllas e dentes as súas ideas fronte a aqueles que queiran impoñer
as súas. Por este motivo instounos a amar o debate e o intercambio democrático
de ideas, a saber construír os seus argumentos e defendelos diante de quen sexa;
e a estar abertos a escoitar a quen pensa diferente e aprender del.
“Por riba de
todo, o que vos pido é que nunca perdades a rebeldía, o orgullo e a
liberdade de aprender cada día, de
mellorar cada día, e de defender cada día as nosas ideas e os nosos valores”,
remarcou.
Así mesmo,
Tellado apuntou que en tempos de populismo, de demagoxia e de política feita a
golpe de “zasca” en Twitter, “apostar polo debate nun formato académico é toda
unha declaración de intencións”. “A declaración de que a este partido lle gusta
a política baseada no rigor, na seriedade e nos datos; de que este
partido cre que a política se enriquece desde o diálogo, no intercambio de ideas
que serve para construír; e de que este é un partido aberto, que non ten medo a
enfrontarse á actualidade, a analizala, a discutila e a traela aos nosos foros
internos”, subliñou.
Por outra
banda, o secretario xeral lamentou que non todas a formacións sexan como o PP,
senón que “hai partidos en Galicia que
cren que debater é insultar día si e día tamén á maioría do Parlamento, que
representa á maioría dos galegos; que cren que debater é acabar as súas
asembleas a patadas; ou que consideran que debater é querer impoñer con seis
deputados os seus postulados ao conxunto dos galegos”. “Pero nós non somos
así”, engadiu Tellado, destacando que os populares cren na palabra que
constrúe, e non na que destrúe; naque convence, non na que impón; e na que
avoga pola liberade e non se limita a repetir o pensamento único.
Durante a
súa intervención, o número dous dos populares galegos tamén precisou que o
PPdeG é un partido inconformista “porque dedicamos moito tempo a pensar en
aquilo no que debemos mellorar, e en xeitos para melloralo”. “Por iso estamos
todos aquí”, sentenciou, lembrando que o neste evento
danse cita máis dun cento de persoas, entre participantes e xuíces e que, se xa
o ano pasado foi un éxito, en 2018 aínda suscitou máis interese. Departamento de comunicación