A Coruña.- O
reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde,
asinou un convenio de colaboración con Yvonne María van Hest, directora de
Programa na organización Brainport Development dos Países Baixos para que o
alumnado e titulados do Campus Industrial da UDC
poidan facer prácticas profesionais en empresas do contorno holandés.
Brainport
Development é unha axencia de desenvolvemento económico que traballa con
representantes da industria, institucións educativas e gobernos para fortalecer
a rexión tecnolóxica de Brainport Eindhoven, nos Países Baixos. Debido á súa
altamente innovadora e exitosa industria de sistemas e materiais High Tech, a
rexión de Brainport Eindhoven é unha pedra angular importante da economía
holandesa. Este sector profesional emprega a máis de 60.000 persoas e ten preto
de 7.000 empresas nesta rexión de 750.000 habitantes. Actualmente hai oito
empresas que demandan 15 perfís tecnolóxicos que se poden consultar na páxina web
https://goo.gl/z3pXME na que se irán poñendo
as ofertas que haxa a medida que cheguen.
A
Universidade fará as xestións para que os estudantes poidan realizar as
prácticas cunha axuda Eramus+. O convenio entre a UDC
e Brainport Development ten unha duración de dous anos. Departamento de comunicación