O presidente do Goberno galego, Núñez
Feijóo, avogou hoxe por seguir impulsando e apoiando as vocacións científico-tecnolóxicas
para acadar a plena incorporación da economía galega á revolución dixital. “É
necesario que as institucións e as empresas sigamos confiando e apoiando o
talento galego”, aseverou.
Neste sentido, recordou que, segundo o
informe avaliado onte no Consello da Xunta sobre o impacto das tecnoloxías 4.0
no sector produtivo galego, mentres no eido da automoción hai unha implantación
moi importante das tecnoloxías 4.0, no resto de sectores un 40% das empresas
galegas as están empregando, o que significa que aínda queda moito traballo por
diante.
Durante a inauguración da xornada La era tecnológica: un desafío para las
empresas y sus líderes, o titular da Xunta incidiu en que aplicar ás
empresas os avances da era dixital serve: para captar máis investimentos, para
optimizar os procesos e para aumentar as vendas.
Fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres
Ao longo do acto, Feijóo referiuse tamén ao
reto de aumentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres. Ao respecto lembrou que nos últimos catro
anos, por exemplo, se duplicou a taxa de participación das mulleres nas axudas
da Xunta destinadas á innovación, pasando do 27% en 2013 ao 53% en 2017. Ao que
engadiu que o apoio da Administración autonómica á igualdade na I+D+i se plasma,
ademais, en documentos como o Plan galego de muller e ciencia, en vigor desde
2016; e no impulso a programas de referencia internacional como Innopharma,
para o desenvolvemento temperán de fármacos, e un proxecto sobre nanomedicina
contra o cancro metastásico, liderados por Mabel Loza e María José Alonso,
respectivamente.
Así mesmo, Feijóo subliñou que este esforzo
non o está liderando en solitario o Goberno galego, ao contar co compromiso das
universidades e das empresas. Non en van o 47% das persoas que traballan en
I+D+i nas universidades son mulleres (por riba da media nacional); “e, aínda
que a porcentaxe segue sendo menos do que nos gustaría, hoxe, hai un 36% máis
de mulleres traballando en innovación nas e empresas que hai unha década”.
O responsable do
Goberno galego valorou as moitas iniciativas que están a brotar da comunidade
escolar e universitaria galega para impulsar as vocacións STEM entre as mozas
galegas como: Estalmat Galicia, un
proxecto que leva xa dez anos impulsando os talentos matemáticos entre nenas e
nenos de 12 e 13 anos, amosándolles desde as idades máis temperás que na súa
vocación non debe haber diferenzas de xénero. E, coa iniciativa Donas do código, alumnas e alumnos de 6º de primaria do colexio de Laredo, en
Redondela, investigaron e deron a coñecer as figuras de nove mulleres de
referencia nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía.
Ao fío disto,
expresou tamén a necesidade de que as mozas con vocación científica coñezan ás
mulleres que viñeron antes e lles abriron o camiño. E, con este fin, recordou o
premio María Wonenburguer.