O secretario
xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou hoxe unhas xornadas sobre o
sector pesqueiro organizadas polo Grupo Parlamentario Socialista para analizar
tanto a problemática dos descartes como o plan de xestión do Cantábrico.
Nese foro, o
líder dos socialistas galegos avogou por “potenciar un sector pesqueiro áxil”,
a fin de promover a súa “capacidade para xerar emprego e valor engadido”, dada
a importancia que ten nunha comunidade como Galicia.
“A pesca é un
sector estratéxico para o futuro do país e da súa economía produtiva”, recalcou
Gonzalo Caballero, partidario de “facer un esforzo” para situalo no lugar que
lle corresponde como “un sector economicamente moi relevante”.
Ante un asunto de
tanto “interese” para os socialistas, o secretario xeral amosou a súa
“preocupación” polas cuestións que aínda seguen “pendentes de resolver” nos
ámbitos europeo, estatal e galego, como as referidas aos descartes ou a sostibilidade
e usos dos recursos pesqueiros.
"Partido aberto"
Antes de proceder
á inauguración desta xornada, Gonzalo Caballero explicou aos xornalistas que os
socialistas “estamos traballando a pé de país” e contando cos distintos
sectores para abordar as distintas problemáticas. “O partido está
aberto á sociedade civil para configurar un proxecto pegado ás necesidades dos
galegos”, destacou.
Proba diso é que
na xornada de traballo deste venres participaron como relatores, na primeira
mesa, o secretario da Fundación Rendemento Económico Mínimo, Sostible e Social
(FREMSS), Torcuato Teixeira; o presidente da Fundación Lonxanet para a Pesca
Sostible, Antonio García Allut; a secretaria técnica da Cooperativa de Armadores
de Pesca do Porto de Vigo (Arvi), Purificación Fernández; e o pescador
artesanal do Porto de Muros Primitivo Pedrosa.
Despois de
abordar os descartes, nunha segunda mesa, sobre o plan de xestión do
Cantábrico, tomaron a palabra Andrés García Boutureira, representante da
Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga); Santiago Folgar, en nome
da Asociación de Volanteiros do Cantábrico Noroeste; e o xerente de PescaGalicia-Arpega-OBarco,
Juan Carlos Corras. Departamento de comunicación