El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

PAZO DE MEIRÁS

Unanimidade de todos os grupos políticos para recuperar o Pazo de Meirás para patrimonio público

16-03-2018 17:47:49
A moción chegará ao pleno do día 23.

A Coruña.- A Deputación da Coruña fixo hoxe gala da unanimidade de todos os grupos presentes na súa corporación para presentar a moción que irá ao vindeiro pleno do día 23 de  marzo. O texto mostra a unión das vontades para a recuperación do Pazo de Meirás para patrimonio público. 

A Deputación instará ao Estado a exercitar as acción administrativas e xudiciais oportunas para os efectos da recuperación do Pazo de Meirás para o Patrimonio Público; trasladará á Xunta, Parlamento de Galicia, goberno do Estado, Cortes do Estado, grupos parlamentarios e todas as institucións e organismos que corresponder o informe histórico-xurídico e procurará a socialización do seu contido. Estes son os puntos principais da moción que entrará na orde do día do pleno do vindeiro venres 23 de marzo e que contará, segundo se anunciou hoxe en roda de prensa, co apoio de todos os grupos con representación na corporación, é dicir, PSOE e BNG, membros do goberno, ademais do Partido Popular, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños. 

Neste sentido, a roda de prensa, con representantes de todos os grupos –agás Alternativa dos Veciños que xustificou a súa ausencia por motivos de axenda- serviu para escenificar a unidade de que se parabenizaron en todas as intervencións. 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “gran paso que significa o acordo de todos os grupos políticos” de cara a mostrar a “conciencia xeneralizada” para a recuperación do Pazo de Meirás para o Patrimonio Público. González Formoso lembrou tamén que o contido da moción segue as directrices deseñadas desde a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e os informes histórico e xurídico encargados pola propia Deputación da Coruña. 

Para a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, a unanimidade  é un motivo de felicitación colectiva porque, supón subir un chanzo no proceso que se iniciou cos informes que abren unha vía factible á recuperación do inmoble na man da familia Franco.  “Que todas as forzas políticas naveguen na mesma dirección supón un antes e un despois que responde ao clamor social para recuperar o Pazo de Meirás para o dominio público”, sinalou na súa intervención. 

Anunciou que a Deputación da Coruña trasladará a moción ao Parlamento Galego e ás institucións do Estado. Destacou tamén a boa acollida que están a ter os informes nas xuntanzas  que desde a propia Deputación se convocaron con todos os grupos parlamentarios. 

O portavoz do PP, Agustín Hernández manifestou que tanto o grupo provincial como o propio partido “están a favor da recuperación de Meirás para uso público sen custes para as administracións” e defendeu que, no tema, ten que primar “o interese xeral e non o particular”. Avogou tamén por coordinar esforzos coa comisión creada no Parlamento galego posto que, segundo dixo, son conscientes de que “esta é unha demanda lóxica e lexítima pero ten que levarse con prudencia e firmeza e con seguridade xurídica para acadar o seu obxectivo”. 

Pola súa parte, o portavoz de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío apuntou que se está a abrir “un proceso de reparación e recuperación da memoria histórica na nosa comarca” e destacou que Meirás se conseguiu con “achegas de natureza coactiva” non só no Concello de Sada senón tamén  noutros da propia comarca. Agradeceu o traballo feito desde a Deputación da Coruña e quixo tamén recoñecer o papel desenvolvido polo Concello de Sada. 

Finalmente, o representante de Compostela Aberta, Manuel Dios Diz, destacou a importancia do acordo e citou tamén a demanda do Concello de Santiago de Compostela para a recuperación das dúas pezas de Mestre Mateo que están en mans da familia Franco, a Casa de Cornide na Coruña ou a finca de Bastiagueiro para lembrar “unha verdade incómoda, que o réxime franquista foi extremadamente corrupto e unha elite encabezada polo propio Franco empregou os resortes do poder para se lucrar”. “Esta moción é unha mensaxe clara de que a democracia e a legalidade deben ser incompatíbles con calquera tipo e corrupción, pasada, presente ou futura”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias