Madrid.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no Ministerio
de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital nunha nova xuntanza da marca España Verde,
unha alianza turística que agrupa as comunidades autónomas de Asturias,
Cantabria, País Vasco e Galicia que, polas súas características, configuran un
atractivo destino polas súas paisaxes e outros recursos comúns que multiplican
o seu xa potencial individual.
Este encontro de traballo, que dá continuidade ao celebrado o pasado mes
de decembro en Santander, serviu para definir unha estratexia conxunta de
promoción dos catro territorios, que apostarán ao longo deste ano polo Camiño
de Santiago, a enogastronomía e o surf.
Os representantes destas catro comunidades do norte peninsular,
acompañados do director xeral de Turespaña, Manuel Butler, acordaron afondar na
súa colaboración para continuar a posicionarse como un destino único no mercado
internacional. De feito, naquelas feiras nas que estean presentes ao menos dúas
das rexións, acudirán baixo a marca España
Verde.
Un
potencial que se multiplica
Deste xeito, aproveitase todo o seu potencial natural, de costa e de
interior, cun modelo de turismo slow e
sustentable, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020. Así, póñense en
valor as 14 Reservas da Biosfera da Unesco, tres Parques Nacionais, 25 parques
naturais, onde practicar actividades de turismo activo, ou unha cultura
milenaria excepcional cunha icona universal como o Camiño de Santiago, entre outros
moitos recursos culturais. A todo iso engádese unha oferta enogastronómica
recoñecida con máis de medio centenar de Estrelas Michelin ou 19 Paradores e
2.800 aloxamentos de turismo rural en todo o territorio.
Xunto a Nava Castro, en representación da Xunta de Galicia, estiveron
presentes nesta xuntanza en Madrid Julio González, director xeral de Comercio e
Turismo do Principado de Asturias; Eva Bartolomé, directora xeral de Turismo de
Cantabria, e Isabel Muela, viceconselleira de Turismo e Comercio do País Vasco.
Todos eles obtiveron o compromiso de Turespaña de seguir a impulsar a España Verde a través de novas accións
promocionais.