O Centro Dramático Galego (CDG) festexará o Día
Mundial do Teatro cunha xornada de portas abertas o martes 27 de marzo na súa
sede en Santiago. A iniciativa amosaralle ao público o edificio do Salón Teatro
e a súa historia, ao tempo que lles permitirá coñecer máis a fondo o día a día
nos escenarios.
Están previstas cinco visitas ao longo do día:
tres pola mañá (10,00 h., 11,30 h. e 13,00 h.) e dúas pola tarde (16,30 h., e
18,00 h.). Son gratuítas e están dirixidas a todos os públicos, só cómpre
confirmar previamente a asistencia nos teléfonos 881 867 229 / 228 ou no
enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal ata o 26 de
marzo.
“Que tempos serán os que vivimos, que hai que
defender o obvio”, cita do dramaturgo alemán BertoltBrecht, serve este ano de
lema condutor das visitas. O punto de encontro é o exterior do número 34 da rúa
Nova, onde os asistentes terán oportunidade de comprender a evolución do
edificio, dende a súa primeira reconstrución no 1919 como salón cinematográfico
ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a
finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como
espazo escénico.
Ao longo da actividade, percorreranse estancias
coma os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, e accederase a espazos máis
técnicos do teatro. Ademais, os participantes das quendas nos horarios de tarde
terán posibilidade de presenciar un momento dos ensaios da nova produción da
compañía pública, Divinas Palabras Revolution, que se estreará o 12 de
abril nese mesmo escenario baixo a dirección de Xesús Ron. De feito, as visitas
concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo de cinco entradas
dobres, unha entre cada quenda de participantes, para poder asistir a algunha
das funcións do espectáculo en Compostela, onde está programado ata o 29 de
abril.
O CDG ten previsto repetir a xornada de portas
abertas o 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.