Leticia
Santaballa, alumna do Mestrado de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria
da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña está a percorrer España de
forma autofinanciada investigando sobre os mecanismos de acollida as persoas
refuxiadas. Xa leva recorridas 23 localidades no noroeste, sur e leste da
península e durante os meses estivais prevé continuar por Asturias, Cantabria,
País Vasco, Navarra, La Rioja, Aragón e algunhas cidades de Castilla La Mancha
e Castilla León.
Tras
pasar sete meses en campos de persoas refuxiadas no norte de Grecia, Leticia
Santaballa e Ahmad Matar, un voluntario solicitante de asilo sirio, decidiron
visitar a familias sirias e iraquíes reubicadas en España tras arriscar a súa
vida no Mediterráneo. O que comezou como un reencontro, transformouse nun
proxecto máis amplo de análise das condicións de acollida das persoas
refuxiadas e das estratexias que desde a sociedade se adoptan para mellorar as
condicións de recepción na península.
Unha
das conclusións principais do estudo, que forma parte do seu Traballo de Fin de
Mestrado (TFM), é que o sistema de acollida varía moito entre equipos e
cidades. Outro achado importante é a existencia dun “punto cego” no proceso de
integración das persoas refuxiadas, referido ao pobre acceso á información
sobre dereitos e obrigas, procedementos e recursos dispoñibles nas súas
localidades.
Froito
deste estudo, Santaballa e Matar, como recurso fronte á desinformación, puxeron
en marcha AHLAN, un proxecto coruñés apoiado pola ONG AIRE, para centralizar
información útil e de calidade en varios idiomas para as persoas solicitantes
de asilo en España. Este proxecto, que está en vías de creación e de
financiamento, pode verse na páxina de Facebook de RefuCoru, unha iniciativa
feita na Coruña desde os espazos de educación formal da cidade.
Na
páxina de RefuCoru está explicada a terceira fase do proxecto que irá de xuño a
finais de outubro deste ano na que seguirán a percorrer distintos puntos de
España. O proceso que segue a estudante da UDC na súa investigación é
entrevistarse con todos os grupos de interese:
.- Tantas persoas solicitantes
de asilo en España como sexa posible, dentro e fóra do programa nacional de
acollida e de todas as nacionalidades posibles.
.- Entidades do terceiro sector
(asociacións, ONGDS, etc.) relacionadas directa ou indirectamente coa acollida
ou acompañamento de solicitantes de asilo.
.- Persoas voluntarias
independentes, colectivos de apoio, iniciativas cidadáns, iniciativas de
carácter informal e outras formas de axuda no proceso de acollida.
.- Actores institucionais
relevantes nos procesos de acollida de solicitantes de asilo e de persoas
refuxiadas (municipalidade, goberno rexional, goberno central, etc.).
Con
toda esta información, elaborarase un diagnóstico xeral das necesidades das
persoas solicitantes de asilo para realizar unha serie de recomendacións ou
avaliacións para entregar aos actores que deseñan e implementan o programa de
acollida, así como recollerán preguntas frecuentes das persoas solicitantes de
asilo sobre os seu dereitos, obrigas, procedementos e recursos. Tamén pretenden
crear redes, como unha listaxe de contactos de actores locais por territorios e
unha serie de persoas que realicen un seguimento do programa nacional de
acollida.
Toda
esta información e os avances no proxecto pode seguirse na páxina de Facebook
de RefuCoru.