El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación convoca as únicas axudas para distribución audiovisual en lingua galega

28-03-2018 15:18:34
Goretti Sanmartín.

A Coruña.- A área de Cultura da Deputación da Coruña quere contribuír a poñer fin á dificultade de que os filmes na nosa lingua cheguen ao público e ese é obxectivo da nova liña de axudas destinadas á distribución de contidos audiovisuais en galego. A área de Cultura que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, promove unha acción única no panorama cultural galego.  

Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega é o obxectivo da nova liña de axudas á que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros que sae publicada no BOP deste mércores día 28 de marzo e terá o prazo de presentación aberto até o vindeiro 8 de maio. 

“Consideramos que a publicación desta nova liña que une apoio á cultura e á lingua galega é unha moi boa noticia para o sector audiovisual mais tamén para a veciñanza porque facilitará o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua”, explica Goretti Sanmartín para quen a novidosa acción cultural busca poñer fin “á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”. 

A nova liña de axudas responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega e nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais. “A produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes (TV, cinemas, internet, cineclubs, redes e programacións públicas…) é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico e ao tempo interconectada e aberta ao resto de espazos culturais do planeta”, explícase nas bases da propia liña que destacan a “importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma”.  

A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, constata a “dificultade que existe para acceder ás producións audiovisuais na nosa lingua o que crea unha fronteira case insalvable entre o sector que está a producir contidos e o que sería o seu público natural”. A tamén responsable da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, lamenta que, nese sentido, “os contidos audiovisuais que nacen na nosa lingua infelizmente están en desvantaxe con respecto a outras culturais sen apoios específicos nun ámbito especialmente complexo como é o da distribución”. Neste sentido, a Deputación da Coruña aposta por unha liña que non existe noutras administracións. 

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos. 

As bases entenden como distribución, exhibición e comercialización aquelas actividades que teñen por obxecto  a promoción e difusión de producións cinematográficas e audiovisuais (ficción, documental e animación), de calquera duración e en calquera dos formatos e medios de difusión. As producións que concorran a esta convocatoria terán que estar en lingua galega e tamén facer a publicidade e promoción na nosa lingua. 

A axuda non poderá superar o 80% do orzamento subvencionábel, cunha cantidade máxima por proxecto de 30.000 euros. O orzamento destinado en 2018 a esta liña é de 150.000 euros. 

Entre os criterios de valoración atópanse a estrea do contido audiovisual, ter a versión orixinal en galego, a calidade da produción, estar dirixida á infancia e mocidade ou a campaña de distribución e comercialización. A convocatoria incorpora tamén o criterio de xénero, é dicir, valora a porcentaxe de mulleres no equipo técnico da produción, é dicir as persoas xefas e primeiras axudantes das equipas de dirección, produción, fotografía, iluminación, dirección de arte, son, montaxe e posprodución. 

A área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe tamén á difusión de contidos audiovisuais na nosa lingua a través de “Visións”, o novo programa da Rede Cultural que difunde contidos audiovisuais nos concellos da provincia. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias