Galicia logrou en 2017 baixar o seu endebedamento público por primeira vez nos últimos dez anos, ao reducir a ratio de débeda/PIB ata o 18,4%, dúas décimas menos que no peche do exercicio anterior, segundo mostran os datos oficiais do Banco de España publicados esta mañá. Isto supón que Galicia volve cumprir un ano máis o límite máximo de débeda, que en 2017 era do 19,0%.
Estes datos ratifican que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito da xestión rigorosa e do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. De feito, Galicia acabou o ano como a quinta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, a terceira de réxime común, segundo explicou o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó.
Ao peche do exercicio, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou dúas décimas sobre o ano anterior ata situarse no 18,4%, o que supón un diferencial positivo de 6,4 puntos respecto á media autonómica (24,8%), cando en 2008 este indicador estaba igualado á media. Ademais, o endebedamento do conxunto das comunidades autónomas mantívose estable no último ano mentres que o de Galicia baixou, por iso o diferencial positivo aumenta.
En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do cuarto trimestre en 288.105 millóns, o 3,89% deste importe -11.210 millóns- na comunidade galega. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.900 millóns de euros, xa que foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008.
O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media permitiu a Galicia acadar un importante aforro en xuros da débeda, que neste 2018 será duns 85 millóns de euros.
Standard&Poors mellora o rating de Galicia
A evolución positiva dos principais indicadores macroeconómicos de Galicia foi tida en conta pola axencia de cualificación Standard&Poors, que vén de elevar o rating da Comunidade Autónoma ata o ‘notable’. Na súa nova cualificación, Standard&Poors ten en conta que Galicia pechou 2017 cun crecemento económico por riba do 3%, ao tempo que foi capaz de reducir o seu déficit público e de consolidarse entre as comunidades autónomas con menos débeda de España.