A Consellería do Medio Rural vén de pactar co
sector vitivinícola o borrador da orde de axudas aos plans de reestruturación e
reconversión da viña en Galicia e a súa convocatoria para o ano 2018. Foi a
través dun encontro entre a directora xeral de Agricultura, Gandaría e
Industrias Agroalimentarias e os portavoces das cinco denominacións de orixe do
viño que hai en Galicia. Neste encontro, presidido pola directora xeral de
Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acordáronse
por unanimidade modificacións as condicións destas subvencións.
Así, por primeira vez, en Galicia iguálase a
participación financeira dos plans individuais á dos colectivos, demanda
promovida dende a Xunta ante o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y
Medio Ambiente (Mapama), sen prexuízo de que os plans colectivos, entre outros
criterios, sexan prioritarios no procedemento de selección das solicitudes.
Ademais, coma novidade este ano, valorarase a
contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración
de superficie vitícola nunha única parcela. Así mesmo, seguirán tendo
prioridade aqueles mozos que se inicien na actividade vitícola cunha atención preferente ás mulleres
labregas, titulares ou cotitulares dunha explotación vitícola.
As actuacións que se financiarán con cargo a
estas axudas son: a reimplantación de viñas, a reconversión varietal e a
mellora das técnicas de xestión das viñas. Unha vez acordados os requisitos, a
orde continúa a súa tramitación de cara á súa publicación no Diario Oficial de
Galicia. Poderán beneficiarse destas axudas os viticultores, sexan persoas
físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación, con
viñas destinadas á produción de uva para vinificación. Non obstante, non se
subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal
das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural.
Neste contexto, a directora de Gandaría
adiantou que o seu departamento xa está a piques de rematar a análise dos
custos reais e a súa metodoloxía de revisión das operacións subvencionables, de
acordo co compromiso adquirido co sector vitivinícola galego. A intención é
buscar a súa actualización e poder subvencionar de novo a man de obra propia
cunha mellora considerable desta axudas de cara a vindeira convocatoria do ano
2019.
Obxectivos
A través destas subvencións, a Consellería do
Medio Rural pretende que se leven a cabo os reaxustes estruturais necesarios
para diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo
redimensionamento. Así mesmo, foméntase a adaptación das variedades ás demandas
do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de
menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran
vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez mais
globalizado.
Así mesmo, esta consellería busca seguir
profundizando na profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se
potencia o relevo xeracional e un desenvolvemento rural socialmente xusto e
viable. Terán unha atención preferente as explotacións agrarias prioritarias e as
de zonas de produción con vocación vitícola de calidade protexidas por algunha
de indicación xeográfica.
Esta orde de axudas forma parte do programa
nacional de apoio ao sector vitivinícola español, 2019-2023 e, a través deste
acordo cos consellos reguladores, o que se fai é adaptar as condicións ás
características específicas da nosa comunidade.