Galicia lidera, dentro de España, a execución
dos fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para o período
2014-2020. A nosa comunidade acadou o 69,02% do gasto público total do Feader desde
o inicio do presente exercicio, contemplando os pagos entre o 16 de outubro de
2017 e o 28 de febreiro de 2018. O exercicio fiscal destes fondos prolóngase
ata o vindeiro 15 de outubro.
Mentres, a media estatal representa o 39,12%
(os pagamentos realizados ata o de agora no conxunto de España acadan os 734,97
millóns de euros, fronte a unha previsión media, para o período 2014 a 2020, de
1.878,86 millóns). No ranking español, tras Galicia atópanse Navarra (cun 66%
de execución), Baleares (con case o 48%), Cataluña (45,6%) e Asturias (preto do
45% executado).
Por medidas, destacan os pagos correspondentes
á de investimentos en activos físicos, que representan no conxunto do Estado
preto do 29% do total, seguida da de agroambiente e clima, que supoñen case o
14% do total e da de investimentos para o desenvolvemento de zonas forestais e
para viabilidade dos bosques, que chega ao 12,3% do total executado.
Estes fondos do PDR serven tanto para
financiar os avances nas reestruturacións parcelarias como para fomentar a
incorporación de mozos á actividade agraria ou para inxectar investimentos en
melloras de explotacións agrícolas. Así mesmo, apóiase a modernización e
mellora da industria agroalimentaria, a promoción de produtos de calidade, o
fomento da agricultura ecolóxica, o ámbito forestal ou o mantemento da actividade
agraria en zonas con limitacións naturais, entre outras medidas.
Aposta
polo agro
A execución dos proxectos financiados polo PDR
amosa, pois, a aposta da Consellería do Medio Rural e, por conseguinte, da
Xunta de Galicia polo agro galego. En concreto, búscase fomentar a
competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións
agrícolas e forestais, a incorporación de agricultores mozos en explotacións
orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, a
ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria
agroalimentaria e forestal promovendo a produción de alto valor engadido.
Ademais, entre os obxectivos do PDR está tamén
o de conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a
xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. E,
como fin último, perséguese a mellora da calidade de vida da poboación rural
fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación
no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.