Este luns 2 de abril é o Día do Libro
Infantil e Xuvenil, unha efeméride que a Organización Internacional para o Libro
Xuvenil (IBBY nas súas siglas en inglés) celebra desde o ano 1967 coincidindo
coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. O seu
obxectivo é fomentar o amor polos libros e chamar a atención da sociedade sobre
as publicacións para nenas e nenos. Para conmemorar esta data, as bibliotecas
de xestión autonómica adscritas á Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria desenvolven unha programación específica, dirixida
sobre todo aos máis novos, pero tamén para un público familiar.
Contacontos, obradoiros, mostras
bibliográficas, espectáculos ou agasallos son algunhas das propostas que se
celebrarán na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de
Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Pontevedra Antonio
Odriozola, na de Vigo Juan Compañel e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal.
Tamén a través delas poden os usuarios que estean a cursar primaria ou o
primeiro ciclo de secundaria participar no concurso Un conto de H.C.
Andersen en banda deseñada. Trátase dun certame convocado pola Organización
Española del Libro Infantil y Juvenil, a través de GÁLIX, no que se anima aos
lectores e lectoras a escoller o seu libro favorito do autor danés e facer a
súa versión do mesmo en viñetas.
Biblioteca Pública de Lugo
Para axudar aos que queiran participar neste
concurso, pero non saiban como facelo, a Biblioteca Pública de Lugo organiza o
obradoiro de banda deseñada Aprendendo a contar unha historia en viñetas, para
nenas e nenos de 6 a 8 anos. Será o venres 6 de abril, ás 18.00 horas e é
precisa inscrición previa na sala infantil da biblioteca.
O mesmo día e á mesma hora, pero no salón de
actos, haberá un espectáculo de narración oral para público familiar, titulado Amodo,
Amodiño. A entrada é libre.
Contacontos
A Biblioteca Pública de Ourense ofrece o día 3
de abril, ás 18.30 horas un contacontos impartido por Susana Vilar, faixo o
título Os libros fanche grande, para pequenos de entre 4 e 6 anos. Hai
que inscribirse antes na propia biblioteca ou por teléfono.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo
Juan Compañel terá un contacontos para bebés dos 0 aos 3 anos, Adiviña
cantos che conto, a cargo de Almudena Francés, na sala infantil o xoves 5
de abril. O sábado 7 de abril, as historias serán contadas por Anxo Moure, para
nenas e nenos a partir de tres anos, con A tenda das palabras. Verbas do
bosque. Para as dúas actividades é preciso inscrición previa na biblioteca.
O venres 6 de abril, ás 18.00 horas, na
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Bea Campos contará A
princesa e o chícharo e outros contos para un público de máis de tres anos
de idade. Non é precisa inscrición previa.
E a Biblioteca Pública da Coruña Miguel
González Garcés engade os contacontos de Chus Álvarez ás visitas escolares
extraordinarias que vai acoller para conmemorar este día o martes 3 e o xoves 5
de abril, en horario de mañá.
Biblioteca de Galicia
O día 2 de abril, durante toda a xornada, a
Biblioteca de Galicia agasallará a todas as persoas que se acheguen ata alí
cunha publicación infantil. E o 8 de abril acollerá o obradoiro Poemas con
chocolate, dirixido a mozas e mozos de 7 a 12 anos, no que aprenderán a
combinar os seus poemas favoritos co chocolate que mellor lles acae. É unha
actividade de balde, que precisa inscrición previa na web https://bibliotecadegalicia.xunta.gal/gl.
Mostras bibliográficas e espectáculos
Hans Christian Andersen e os contos clásicos
son os protagonistas da maioría das mostras bibliográficas que amosan as
bibliotecas durante o mes de abril, centradas no libro infantil e xuvenil. Así,
na biblioteca de Santiago, a sala infantil acollerá unha exposición dos
documentos que posúe a entidade relativos á figura e a obra do escritor danés.
Pola súa banda, na Miguel González Garcés da Coruña, exhibirán unha mostra
bibliográfica cos contos clásicos de Andersen e os irmáns Grimm e as versións
posteriores desas obras. O mundo de Andersen e Contos con moito ritmo
son os títulos das dúas mostras que acolle a biblioteca de Pontevedra,
mentres que a de Vigo leva por nome Libros en palabras.
Os espectáculos son outra das eleccións das
bibliotecas para conmemorar esta importante efeméride. O propio día 2 de abril,
na Ánxel Casal, ás 18.30 horas, o salón de actos acolle Camiños, de
Magín Blanco, unha mestura de música, teatro, poesía e contos pensada para un
público familiar. A entrada é libre ata completar o aforo da sala. Na
biblioteca da Coruña escolleron o espectáculo visual Redondo para o día
7 de abril, cunha proposta de Caramuxo, case sen palabras, para gozar en
familia. Non precisa inscrición previa.
Esta programación especial con motivo do Día
do Libro Infantil e Xuvenil pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda
Cultura.