O secretario
xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que, igual que van
someter a continuidade de Paula Quinteiro a votación dentro das bases de En
Marea, os deputados desta formación deberían votar tamén a continuidade de Luis
Villares como portavoz dentro do grupo parlamentario.
O número dous do
PPdeG tamén lembrou que o feito de que o incidente protagonizado por Quinteiro
xa estea nos xulgados agrava aínda máis toda a situación que vive En Marea.
Ademais, para
Tellado, que Villares pida a dimisión da súa deputada o día despois de que
Martiño Noriega dixese que non tiña importancia o sucedido é unha nova mostra
de que as hostilidades entre ambos xa non se poden disimular. Nese senso,
afirmou que “Noriega e outros cargos de En Marea están patrocinando un motín
interno contra Luis Villares”.
“Villares conta
cun maior grao de respecto por parte do PP que por parte dos seus propios
compañeiros de partido e iso é o que fai que cada vez estea máis desafiuzado da
política”, indicou Tellado, que engadiu que estamos ante a crónica dun grupo
mixto anunciado e que “en En Marea cheira a golpe de estado contra o seu
portavoz”.
Tras todo o
acontecido, o secretario xeral do PPdeG sinalou que "pase o que pase, as
Mareas quedan máis divididas e co liderado de Villares moito máis cuestionado”.
Galicia, líder en creación de emprego
Sobre os datos de paro do pasado mes de marzo coñecidos esta mañá, Tellado
admitiu que “non é casualidade que a única Comunidade Autónoma con orzamentos
aprobados e garantidos ano tras ano sexa a que lidera a creación de emprego”.
Segundo o secretario xeral, se España tivese a mesma estabilidade
institucional que lle negan os socialistas e os nacionalistas, “e que si hai en
Galicia”, as cifras de paro estatais serían aínda mellores. "Mentres nós
traballamos, outros queren que todo se pare", manifestou.
Tal e como amosan a cifras, a nosa Comunidade segue crecendo e creando máis
e mellor emprego, algo que “avanza que será un gran verán para a nosa
economía”.
Máis polo miúdo,
cómpre precisar que estamos ante a
maior caída do paro de toda a serie histórica, o que nos sitúa nun nivel mellor
que hai 9 anos; e somos a Comunidade
na que máis baixa o desemprego no último ano, cunha caída porcentual do 11,88% -superando ao Estado no ritmo de
baixada tanto na evolución anual como mensual-. Así mesmo, rexistramos 25.751
afiliacións máis á Seguridade Social (2,68%) no último ano, a maior subida
desde 2007 -creándose ao día 206 afiliacións no último mes-, e contamos con
máis contratación indefinida -un 4,90% máis no último ano e un 9,06% máis no
último mes-. Departamento de comunicación