A Coruña.- O Consello de Goberno da Universidade da
Coruña aprobou hoxe o límite de prazas nas titulacións de
grao e mestrado para o próximo curso 2018/2019. Neste próximo curso, a UDC
ofertará dous novos graos: Grao en Paisaxe, con 50 prazas e que se impartirá na
Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela no Campus
de Lugo os dous primeiros cursos e na Escola Técnica Superior de Arquitectura
os dous últimos, sendo o primeiro grao interuniversitario do Sistema
Universitario Galego; e o Grao en Xestión Industrial da Moda, con 50 prazas e
que se impartirá na Facultade de Humanidades e Documentación no Campus de
Ferrol.
Na listaxe de títulos de mestrado, a UDC
implantará o próximo curso novos títulos. No Campus de Ferrol: Mestrado Universitario en Enxeñaría en Deseño
Industrial, con 25 prazas e o M.U. en Deseño, Desenvolvemento e
Comercialización de Videoxogos, con 25 prazas tamén. Ademais, no Campus da Coruña
ofertaranse:
.- M.U. en Ciberseguridade
(interuniversitario), con 20 prazas na UDC
.- M.U. en Produción
Xornalística Audiovisual, con 30 prazas
.- M.U. en Economía
(interuniversitario), con 15 prazas na UDC
.- M.U. en Biodiversidade
Terrestre e Xestión do Medio Natural (interuniversitario), con 10 prazas na UDC
.- M.U. en Computación de Altas
Prestacións (interuniversitario), con 13 prazas na UDC
.- E o novo Programa de
simultaneidade do M.U. en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e o M.U. en
Dirección e Administración de Empresas, con 10 prazas.
O Consello de Goberno tratou outros asuntos como a modificación da Normativa pola que se
regula a dedicación do Persoal Docente e Investigador. A falta de criterios
homoxéneos para todas as universidades públicas españolas que regulen a
dedicación horaria do profesorado e seguindo a lei ao efecto para o Sistema
Universitario Galego, a Universidade da Coruña, logo dun proceso negociador cos
representantes dos traballadores, elaborou neste documento aspectos básicos relativos á actividade do
profesorado e a súa repercusión sobre as tarefas docentes presenciais
condicionado polas dispoñibilidades orzamentarias e o contexto normativo actual
nos ámbitos estatal e autonómico. Esta normativa pretende recoñecer as
actividades do profesorado que se queren impulsar co obxecto de conseguir os
obxectivos descritos no Plan Estratéxico da UDC e mellorar os indicadores
externos de avaliación da universidade, potenciando a internacionalización dos
títulos da UDC.
A estensa orde do día da sesión de hoxe recollía
ademais a aprobación do Regulamento do Comité de Ética da
Investigación e a Docencia da UDC. O Comité de Ética da Investigación e
a Docencia é un órgano colexiado, permanente, interdisciplinar, independente e
de carácter consultivo que ten como finalidade avaliar e garantir a corrección
dos aspectos éticos da investigación e a docencia e promover a integridade
científica e académica. Ver listaxe