O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou
hoxe que os orzamentos do Estado supoñen “unha labazada a Galicia”, á
que “só se lle permite” un incremento do 1,3% fondos que recibe pese a que a
contía global medra un 17%.
“A tarta
aumenta un 17% e o anaco de Galicia só un 1%”, evidenciou o líder dos
socialistas galegos para ilustrar a “perda de posición relativa” de Galicia
fronte ao resto de autonomías. E este feito, como sinalou, pon ás claras que
Feijóo “non ten nin forza nin interese” en defender á súa comunidade mentres “o
pacto de Ciudadanos con Rajoy marxina a Galicia”.
O “desgusto” do PSdeG con estas contas, en palabras
de Gonzalo Caballero, vese agravado ao ter en conta que o goberno do PP executa
moi por debaixo do que orzamenta, como proba o feito de que nos últimos catro
anos non gastou máis de 2.000 millóns de euros que estaban consignados para
Galicia.
“O PP non é fiable cando orzamenta para Galicia”,
advertiu, antes de exemplificar cos datos da Intervención Xeral do Estado que o
goberno apenas executou menos da metade dos 1.363 millóns de euros que
consignou para esta comunidade en 2016.
Por tanto, ante unhas contas que “deixan a Galicia
relegada” mentres os fondos se destinan a outros territorios e que supoñen para
esta comunidade unha contía “moito menor” do que destinaban os socialistas “nos
peores anos da crise”, Gonzalo Caballero demandou “un non” dos deputados
socialistas no Congreso aos orzamentos.
Feijóo é "complice"
A continuación, o líder do PSdeG puxo o foco en que
Feijóo é “cómplice” de Rajoy nesta “labazada” que recibe Galicia, unha
comunidade á que “lle vai mal” cando goberna a dereita en Madrid.
Como proba, exhibiu os datos do propio Ministerio de
Facenda sobre as inversións en Galicia: dos 1.045 millóns de euros do último
ano de José María Aznar en 2004 acadáronse cotas de 2.116 millóns que agora, en
2018, caen ata os 936. “O retroceso é significativo”, denunciou Gonzalo
Caballero.
“O PP se esquece de Galicia” resumiu, e sumou á
falta de inversións nesta comunidade que a política social non aumenta na mesma
medida que o PIB e que a dereita rexeita ligar por lei a subida das pensións,
polo menos, co IPC.
Chegada do AVE
Outro dato preocupante que achegou o secretario
xeral do PSdeG é o relativo á chegada do AVE a Galicia, comprometido para
finais do 2019, pero que na programación plurianual que acompaña os orzamentos
retrásase “ata 2025”.
Trátase da liña Olmedo-Lubián-Ourense, “ralentizada”
pola “non execución” do goberno de Rajoy, pero no caso do tramo Ourense-Vigo
por Cerdedo o prazo alóngase ata 2026. “Está esquecido das prioridades da
dereita”, concluíu Gonzalo Caballero. Departamento de comunicación