Galicia pechou febreiro cun incremento da produción industrial do 14,7%, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o maior crecemento interanual da industria galega desde xullo de 2007. Nos dous primeiros meses deste ano, ademais, o IPI sobe un 9,7% con respecto ao mesmo período de 2017, o que ratifica o destacado papel deste sector na recuperación económica da Comunidade.
O avance do 14,7% do Índice de Produción Industrial (IPI) de Galicia supera en máis de 11 puntos o estatal (que foi dun 3,1%), o que sitúa a Comunidade como a que acadou unha maior suba, seguida de Cantabria (13,3%) e Murcia (9%).
Por sectores, destacan os incrementos na produción de enerxía eléctrica, que achega 5,5 puntos; en metalurxia, que suma 2,7 puntos; en fabricación de produtos metálicos, con 1,7 puntos; e a industria de alimentación con 1,1.
Esta tendencia no crecemento industrial complétase cos últimos datos noutros eidos como o incremento das exportacións e da facturación industrial no mes de xaneiro cun 34,5% e un 7,9%, respectivamente; ou o aumento interanual nun 3,37% das afiliacións no sector industrial durante o pasado mes de marzo.
O Goberno galego está apoiando o incremento da produción industrial a través da Axenda Industria 4.0, que ten entre os seus obxectivos para o ano 2020 que o peso da industria creza no PIB galego. Así como a través da nova Lei de implantación empresarial que busca facer de Galicia unha terra de oportunidades favorecendo os investimentos empresariais na Comunidade con medidas que ofrecen máis simplificación administrativa, máis incentivos e máis facilidades para o acceso ao solo.