A Axencia Galega de Industrias Culturais
(Agadic) inaugura este domingo o programa Danza 3 coa actuación do
colectivo compostelán Cantigas e Agarimos en Vedra. A cita, ás 16,30 h. no
Campo da Festa de San Miguel de Sarandón, é a primeira das 15 previstas na
edición de 2018 deste ciclo para a difusión do baile a música tradicionais
galegas.
A programación completa, na que novamente
participan tamén o grupo vigués O Fiadeiro e a formación coruñesa Xacarandaina,
percorrerá ata o mes de outubro distintos espazos pechados e ao aire libre para
compoñer un calendario de encontros co público de, entre outros, os concellos
de Allariz, Arzúa, As
Nogais, Bande, Burela, Caldas de Reis, Guitiriz, Marín, Monforte de Lemos,
Muros, Ourense, Soutomaior ou Pontedeume.
No caso das actuacións ao aire libre, as
agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha
proposta artística que se adaptará a cada un dos espazos e a través da que se
buscará implicar aos espectadores. En cambio, para os escenarios dos teatros e
auditorios que acollen o programa, cada colectivo ten preparado un espectáculo
especial coa incorporación de deseños de escenografía e iluminación.
Así, Cantigas e Agarimos, despois de visitar Vedra,
actuará en Allariz, Caldas de Reis e Monforte de Lemos. Xacarandaina percorrerá
durante o verán Pontedeume, Muros, Guitiriz e Marín, e rematará a súa xira no
Auditorio Municipal de Burela en outubro. O Fiadeiro ofrecerá o seu primeiro
espectáculo no Auditorio Municipal de Ourense o 13 de maio e continuará coas
súas representacións en Soutomaior, As Nogais e Bande, para rematar o 16 de
agosto en Arzúa.
A Agadic colabora por sexto ano consecutivo co
colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan
durante todo ano para darlle visibilidade ao folclore galego, tanto a través
das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como
dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial
galego, que dirixen aos seus asociados e a alumnado externo.