O secretario
xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, sinalou este domingo que a
súa formación volve da Convención Nacional celebrada esta fin de semana en
Sevilla con ideas renovadas de cara as vindeiras eleccións municipais, que se
celebrarán en maio de 2019. “Temos xa pouco máis dun ano por diante, e estes
encontros sempre serven para compartir experiencias, facer propostas e
incrementar a ilusión de cara aos desafíos que temos no horizonte”, dixo.
Neste mesmo
sentido, Tellado tamén quixo valorar a boa acollida do conxunto do partido aos
poñentes galegos. “Trouxemos aquí un modelo de xestión autonómica con medidas
económicas, educativas ou sociais que son escoitadas e aplaudidas no resto de
comunidades autonómas”, subliñou. Sobre isto, lembrou que, ademais do
presidente Alberto Núñez Feijóo, nas diferentes mesas participaron galegos como
a comisionada para o Reto Demográfico, Edelmira Barreira; o secretario xeral de
Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; ou os presidentes nacional e autonómico
de Novas Xeracións, Diego Gago e Adrián Pardo.
Incidindo nesta
idea, o número dous dos populares galegos asegurou entender a admiración que
lle trasladaron representantes de comunidades gobernadas por socialistas ou
nacionalistas, “xa que hoxe están perdendo oportunidades de crecemento pola súa
falta de estabilidade e as súas políticas ineficientes”. “Sentimos un gran
orgullo
de que os éxitos
electorais do partido en Galicia sirvan como inspiración a outros territorios”,
apuntou.
"Caso Paula Quinteiro"
Nas súas
declaracións ante os medios, o secretario xeral tamén se referiu ás novidades
sobre o “caso Quinteiro”, o episodio de altercados nas rúas de Santiago de
Compostela no que se veu envolta unha deputada das Mareas de Podemos. Deste
modo, lembrou que hoxe é a data límite que puxo o propio Luis Villares para
resolver un conflicto no que xa se demostrou que a convivencia entre ambos se
fixo insostible, polo que non se poderán presentar á sesión de control ao
Goberno desta semana formando parte do mesmo grupo. “Isto quere dicir que este
domingo é o último día para que o portavoz lle ensine a porta de saída á súa
deputada, ou deberá collela el mesmo”.
Despois de
lembrar que Villares tardou unha semana en dar as primeiras explicacións sobre
“un incidente grave que afecta á imaxe de todo o Parlamento”, insistiu en que
“hoxe saberemos se a súa capacidade para encaixar humillacións públicas dos
seus compañeiros ten límite”. Así, concluíu que “pase o que pase, serán un
partido máis dividido e máis débil, porque ou Villares deixa de ser o líder da
oposición, ou as Mareas de Podemos deixan de ser o grupo maioritario da
oposición”. Departamento de comuniación