O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, lamentou o
“profundo descoñecemento” que demostrou hoxe Pablo Iglesias trala reunión
mantida cos representantes sindicais que lideran a folga da xustiza. Neste
sentido, lembrou que a última oferta económica presentada pola Xunta de Galicia
colocaría aos traballadores por riba da media que perciben os seus compañeiros
do resto de España, e contén unha cláusula que blinda que sexa así nun futuro.
Do mesmo
xeito, o número dous dos populares galegos instou ao líder de Podemos a que “se
preocupe máis dos traballadores das Comunidades nas que apoian aos gobernos
socialistas”. Sobre isto, lembrou que Aragón está “no vagón de cola” das
autonomías coas competencias transferidas; e que a “xenerosa subida” proposta
polo Executivo galego tamén os colocaría por riba dos valencianos.
“Esta reunión
demostra que esta folga hai moito tempo que deixou de ser unha reivindicación
laboral, para converterse nun conflito puramente político”, subliñou. Así,
Tellado pediulle ao resto de sindicatos e aos traballadores que “deixen de
apoiar a un colectivo que en vez de defender os seus intereses se dedica a
utilizalos para facer unha campaña absolutamente partidista”.
Posicionamento sobre Quinteiro
O secretario
xeral dos populares tamén lembrou que Pablo Iglesias aínda non se posicionou
sobre o “caso Quinteiro”, o episodio de violencia na rúa no que se viu envolta
unha deputada da formación morada hai xa unhas semanas. “Se quere falar de
Galicia, o que pode facer é dicirlle aos seus votantes se está de acordo con
que un cargo do seu partido intente defender aos que van rompendo retrovisores
pola rúa, e intimidar a axentes da Policía facendo uso da súa condición
parlamentaria”, sentenciou. Departamento de comunicación