O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou hoxe que “tanto o goberno provincial de Lugo como o goberno municipal de Ferrol
son a zona cero da inestabilidade e dos gobernos contra a vontade maioritaria
dos cidadáns”, xa que amosaron a súa incapacidade para chegar a acordos cos
seus socios e para manter a unidade dos seus propios partidos.
Tras manter unha reunión do Comité de Cidades, amosouse convencido de
mellorar os resultados en todas as urbes da Comunidade e de disputar tamén en
todas elas ser a lista máis votada. Neste senso, destacou a importancia deste
órgano de traballo que, desde o 26 de setembro de 2016, “leva centrando todos
os seus esforzos nas eleccións de 2019, renovando equipos, fortalecendo as
estruturas internas e traballando para construír proxectos en positivos,
ilusionantes e de futuro para cada un dos 313 concellos de Galicia”.
Para os populares, a próxima cita coas urnas será a oportunidade para
“rescatar ás cidades da parálise, do desgoberno e do baixo aproveitamento do
crecemento económico que viven baixo os gobernos das Mareas, dos socialistas e
dos nacionalistas”. “Estamos ante a posibilidade –engadiu- de consolidar o
goberno dunha cidade como Ourense, para conseguir unha maioría suficiente par a
sacar adiante todos os proxectos que hoxe ten bloqueados a oposición”.
A implosición en Lugo
O secretario xeral do PPdeG tamén se referiu ao
“último acto do esperpento” vivido na Deputación de Lugo, lamentando que o Partido
Socialista secuestrase unha institución provincial e a fixese vítima das súas
loitas internas, dos seus enfrontamentos entre familias e das súas rifas do
pasado. Para Tellado, os lucenses están sendo tomados como “reféns” por un
goberno que non inviste un só minuto nin un só euro en mellorar as súas
condicións de vida.
O número dous dos populares galegos insistiu en
que situacións coma esta poñen en evidencia a necesidade de deixar gobernar á
lista máis votada, por respecto á vontade dos cidadáns, para evitar a tiranía
das minorías e por garantir a estabilidade das institucións.
O Tic-Tac de Villares
Por outra banda, referiuse á falta de autoridade
de Luís Villares para convocar unha consulta sobre a continuidade da súa
deputada. É por iso que salientou que, tras perder o ultimato que lle lanzou a
Paula Quinteiro hai dez días, ao portavoz de En Marea “activóuselle o tic-tac
que el mesmo activara contra Quinteiro”.
Segundo Tellado, “Luís Villares demostrou non ser
un líder da oposición; Paula Quinteiro demostrou non ser unha digna
representante dun pobo como o galego, educado, humilde e respectuoso; e onte
Xoán Hermida -o candidato de En Marea por Pontevedra que substituiría a
Quinteiro no caso de que esta dimitise e quen tamén tivo un enfrontamento coas
Forzas e Corpos de Seguridade do Estado- ensinoulle o camiño a seguir dos que
cren que a política se pode exercer co rancio “usted no sabe con quién está hablando”.
Sobre a polémica en torno ao deputado de En Marea e secretario de Organización
de Podemos Galicia, Juan
Merlo -que incluíu no seu currículo unha licenciatura que non ten-, o
secretario xeral do PPdeG manifestou que, neste caso, as Mareas de Podemos
volverán perder unha boa oportunidade de ser coherentes e pedirlle o mesmo a
Merlo que lle piden a Cristina Cifuentes. Departamento de comunicación