O
presidente dos populares galegos, Núñez Feijóo, reivindicou o proxecto
do seu partido para a provincia da Coruña fronte á “parálise, o desánimo e a
desilusión” das cidades gobernadas polas Mareas. Así se expresaba durante a
celebración da II Romaría Popular do PP da Coruña, que reuniu en Santiago unhas
4.000 persoas.
Segundo
manifestou, a ilusión nesta provincia é o Partido Popular de Galicia, a forza
política que máis traballou pola Coruña. Malia isto, advertiu de que os populares
deben gañar cada día a confianza dos cidadáns; escoitar aos veciños; responder
ás súas necesidades; e demostrar que están cheos de ilusión.
“A nosa
experiencia aválanos como a mellor opción para o futuro”, dixo mentres
explicaba que precisamente pola vocación de futuro non esquecen o pasado: nin
os acertos, nin os erros nin as persoas que fixeron que o PP sexa o que é na
actualidade.
Ademais, Feijóo
subliñou que “o Partido Popular de Galicia está máis vivo e máis activo ca
nunca”, recoñecendo que manterse unidos é o único camiño para volverse máis
fortes. Nesta liña, insistiu en que o seu non é un partido de personalismos,
senón de proxecto e que, mentres outros teñen como único proxecto destruír aos
compañeiros, os populares “son compañeiros traballando unidos polo mellor dos
proxectos para os galegos”.
"Calquera partido se cambiaría polo PPdeG"
Feijóo
aseverou que “calquera partido se cambiaría pola situación na que está o PP, e
moito máis pola do PP de Galicia”, poñendo en valor a experiencia, a unidade, a
confianza, os resultados, os candidatos e os afiliados dos populares.
No mesmo
sentido, apuntou que mentres ao resto de forzas a soberbia impídelles recoñecer
os logros do PPdeG, “nós non nos conformaríamos cos seus obxectivos máis
optimistas” xa que “quero que ao PP se lle esixa máis, quero que nós nos esixamos
máis e quero que se espere de nós moito máis que o resto”.
Feijóo
tamén aclarou que os populares non son como eses partidos “zero” -con cero ilusión, cero unidade e cero ideas- senón que
fixeron moito e aínda farán máis. Así, mentres a oposición só se mira ás
costas, só intenta que a cidadanía esqueza que non fixeron nada e só di a todo
que non, “nós despois de nove anos podemos seguir mirando aos ollos dos galegos
con confianza e ilusión, podemos dicir que Galicia está crecendo, que ten cada
vez máis benestar e podemos seguir dicindo “en Galicia si”. No mesmo sentido,
apuntou que “nunca pedimos perdón ao BNG por ser galegos e nunca pediremos
permiso a Ciudadanos para ser españois”.
O presidente
dos populares engadiu que non lle sirve que ao PPdeG lle valga non mollarse en
nada como fai o PSOE; non lle sirve que se dirixa a unha parte pequena dos
galegos, como fai o BNG; non lle sirve gobernar e non facer nada como fan as
Mareas de Podemos; en non lle sirve non ter un proxecto no que Galicia non sexa
o centro, como é o caso de Ciudadanos. Departamento de comunicación