Vigo.- O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou
hoxe a creación do Campus FP de Vigo, un proxecto pioneiro a nivel nacional que
será a mellor das pontes entre o sistema educativo e o sector industrial, para
que a mocidade da comarca e do resto de Galicia atopen un posto de traballo no
tecido produtivo emprazado na zona.
Durante a presentación do proxecto, Feijóo
aseverou que para acadar este obxectivo a Xunta contará coa colaboración da
Universidade de Vigo e dos centros de investigación tecnolóxica da comarca, dos
colectivos empresariais, e, sobre todo, do Consorcio da Zona Franca, un socio
prioritario e necesario que exercerá de nexo entre os centros formativos e o
tecido produtivo.
“Estamos, polo tanto, a impulsar un proxecto que
servirá como referencia para outras iniciativas de mellora da formación
profesional”, afirmou, ao que engadiu que o Campus FP será o corazón e o
sistema circulatorio dos 16 centros que ofrecen formación profesional na
comarca de Vigo, xa que desde el se modernizará a oferta formativa e a conexión
co mundo da empresa e co tecido innovador, levando as novas ideas e a mellora
na xestión a todos os centros da rede.
Ao longo da súa intervención, o presidente do
Goberno galego avanzou que o núcleo deste campus, cuxas obras comezarán o ano
que vén co obxectivo de que estea rematado a finais de 2020, será bautizado
como FP Hub, un centro de innovación e emprendemento que servirá de referencia
tanto aos centros da área de Vigo como a todos os centros de Galicia que
soliciten o seu asesoramento.
Este centro contará con dúas áreas: a
primeira, de investigación e innovación, encargada de desenvolver proxectos de
I+D+i, identificar as necesidades do mercado laboral da comarca de Vigo e
tramitar as patentes que se orixinen na FP viguesa. E, a segunda área, de
emprendemento, incluirá un viveiro de empresas industriais, que facilitará e
acompañará o nacemento de novas iniciativas empresariais.
O edificio do FP Hub, que estará situado no
recinto do CIFP Manuel Antonio e o Centro Residencial Docente, contará cunha
superficie de 4000 metros cadrados. E, para alcanzar as ambiciosas metas que se
marca: a Xunta destinará 7,1 millóns para redactar o proxecto, financiar os
equipamentos e sufragar os gastos de funcionamento e persoal; e a Zona Franca
achegará 5,5 millóns para construír o edificio e impulsar os proxectos que
nazan no centro.
Innovación, emprendemento, emprego e plurilingüismo
Ademais do FP Hub, Feijóo explicou que o
proxecto de Campus FP incluirá ademais a creación da Rede de centros de
Formación Profesional, que axudará a perfeccionar o funcionamento dos 16
centros que imparten ciclos na área de Vigo, unha das máis activas de Galicia:
con 20 familias profesionais das 23 que se imparten en Galicia; 7200 alumnos e
600 profesores; e 6 proxectos de FP Dual, en colaboración con empresas líderes
en sectores como o téxtil, a automoción e a biotecnoloxía.
Ao respecto, precisou que o traballo en rede
permitirá combinar a autonomía de cada un destes centros, cunhas sinerxías que
permitirán optimizar recursos e mellorar a oferta, para axeitala ás necesidades
cambiantes do tecido empresarial “uniremos todas as capacidades da FP coas
demandas das empresas desde o punto de vista industrial, faremos un campus onde
empresas, profesores e alumnos traballen en tempo real para buscar a
empregabilidade dos estudantes” abundou.
O presidente da Xunta concluíu garantindo o
compromiso do Goberno galego cunha formación
profesional sinónimo de innovación, de emprendemento e de emprego. E incidiu en
que este Campus FP, cunha oferta formativa coordinada, de calidade e axeitada
ás necesidades da economía, contribuirá a que o pulmón vigués siga impulsando o
crecemento industrial de Galicia. Non en van, esta comarca move o 17% do PIB
galego e a cidade de Vigo é a quinta de España con maior peso de emprego
industrial.