O secretario
xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que coa entrada de
Xoán Hermida no Parlamento de Galicia “estamos nunha situación na que como Luis
Villares non quería ter no seu grupo unha deputada que abusa da súa autoridade
ante axentes da Policía, aceptou no seu grupo a outro deputado que tamén abusa
da súa autoridade ante axentes da Policía”.
Por este motivo, o número dous dos
populares galegos precisou que despois de terse preguntado cal é o máximo nivel
de humillación pública que Luis Villares está disposto a soportar dos seus
compañeiros, agora habería que preguntar canto está disposto a humillarse a si
mesmo.
“Desde o Partido Popular de Galicia
temos que lamentar este espectáculo que leva máis dun mes dando un partido que
recibiu a confianza de máis de 270.000 galegos, que hoxe seguramente verán esa
confianza traizoada”, indicou engadindo que as Mareas de Podemos están a lixar
a boa imaxe do Parlamento de Galicia co único ánimo de facer un axuste de
contas interno.
“Creo que o señor Villares
desacredítase cada día un pouco máis como líder do seu Partido e as Mareas de
Podemos desacredítanse cada día un pouco máis para representar a vontade dun
pobo serio, traballador e respectuoso coas institucións e as persoas como é o
pobo galego”, manifestou.
Así mesmo, Tellado dirixiuse aos
deputados do “vostede non sabe con quen
está falando” para explicarlles que “os
galegos xa saben con quen están falando, o que son capaces de facer, ata onde
son capaces de chegar coa súa soberbia e que non son uns bos representantes
duns galegos que saben que teñen que respectar á Policía Local e aos veciños en
xeral”.
Unha situación esperpéntica
Por outra banda, Tellado tamén valorou
os novos episodios do “esperpento da Deputación de Lugo”. “De toda esta pelexa
as verdadeiras vítimas son os lucenses, que están a ver como as residencias de
Lugo seguen pechadas e como os socialistas non invisten un só minuto nin
un só euro en resolver os seus problemas”, aseverou.
Para os populares, tanto a cidade como
a provincia de Lugo merecen algo mellor que o que teñen hoxe pois “son dúas
institucións gobernadas polos últimos restos do besteirismo”. Nese senso,
insistiu en que os lucenses merecen gobernos serios, de maiorías, estables,
preocupados de verdade polos intereses dos veciños e non polos intereses dos
políticos, así como unha nova etapa na Deputación e no Concello “que rache cun
período de escurantismo e conspiracións para abrir un período de crecemento e
de normalidade institucional”.
A incapacidade de Caballero
Ademais, o secretario xeral fixo
referencia ao último
revés xudicial contra a xestión de Abel Caballero, xa que a decisión dun
xuíz do contencioso administrativo foi suspender a esixencia de empadroamento
no Concello de Vigo para ter a tarxeta de transporte da cidade.
Segundo expresou Tellado, xa non
sorprende que a reacción do alcalde a esta situación sexa intenta culpar á
Xunta dos problemas que el mesmo crea cos seus erros como xestor e coa súa
infinita capacidade para xerarlle problemas á súa cidade e aos seus veciños; pero
os populares non consentirán que lle minta na cara a todos os vigueses, aos
cidadáns da área metropolitana nin aos galegos. Ao respecto, apuntou que malia
que é certo que unha das leis nas que o xuíz fundamenta a súa decisión é a Lei
de Medidas autonómica, a outra é a Lei Nacional 16/1987 de Ordenación de
Transportes Terrestres, aprobada polo propio Caballero como ministro de
Transportes, “o mesmo ministro que prometeu a chegada do AVE a Galicia en 1993”.
Así, e seguindo o razoamento de Abel
Caballero, o secretario xeral do PPdeG ironizou coa idea de que “sería moi
grave que un presidente da Xunta lexislase contra os intereses de Vigo. Pero
seguramente sería aínda moito máis grave que un alcalde de Vigo lexislase
contra os intereses de Vigo”. Departamento de comunicación