El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

ESTADIO DE RIAZOR

A Deputación achega un millón de euros para financiar as obras do estadio de Riazor

02-05-2018 17:28:00
Valentín González Formoso (d) e Xulio Ferreiro.

A Coruña.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron hoxe, na sede da institución provincial, o convenio para o financiamento das obras de reforma e conservación da cuberta e a estrutura metálica das gradas do estadio de Riazor. 

Segundo contempla o texto, a achega da Deputación ascenderá a 1 millón de euros, que representa un 14,3% do orzamento total das obras, que ascende a preto de 7 millóns de euros para “unha infraestrutura que é unha referencia deportiva non só na cidade, senón en toda a provincia da Coruña”, afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou “a perfecta coordinación entre as dúas institucións para sacar adiante o proxecto en tempo récord, co obxectivo de acometer as obras durante a época estival”.


As finais da Copa Deputación xogaranse en Riazor

Formoso agradeceu a colaboración do Real Club Deportivo da Coruña para facer posibles as contraprestacións polo apoio económico da Deputación. Entre elas, destacou que durante un prazo de 10 anos as finais masculina e feminina da Copa Deputación disputaranse no estadio coruñés, contribuíndo a dar maior visibilidade a un dos torneos máis veteranos do fútbol coruñés. 

Asimesmo, poranse a disposición da Deputación 1.000 entradas cada ano para o Trofeo Teresa Herrera, que se distribuirán entre escolas de fútbol base e colectivos desfavorecidos, e emitiranse spots ou vídeos divulgativos da Deputación e dos concellos da provincia da Coruña nos paneis electrónicos do estadio durante as previas e descansos dos partidos. 

O presidente provincial enmarcou esta colaboración económica nas múltiples liñas de apoio que, nos ámbitos social, cultural, de igualdade, promoción económica ou mobilidade, a Deputación da Coruña mantén co concello herculino.Pola súa banda, o alcalde Xulio Ferreiro agradeceu “a contribución xenerosa” da Deputación para cofinanciar as obras e destacou  que servirán para seguir facendo de Riazor “non só o estadio municipal que é, senón un estadio metropolitano e case provincial”. 

Ferreiro, que apuntou que o proxecto foi tamén aprobado hoxe mesmo na Xunta de Goberno Local, incidiu tamén na “coordinación total” ante unha “intervención complexa”, que require comezar as obras ao rematar a Liga para poder telas rematadas antes do comezo da nova tempada. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias