Cidade de México (México).- O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, valorou
o interese do goberno mexicano por participar en outubro nunhas xornadas, na
Comunidade, para intensificar o investimento entre México e Galicia. Un
encontro empresarial onde se presentarán ás oportunidades de comercio e
investimento entre ambos territorios e que dará continuidade ao Foro de
Oportunidades de investimento celebrado onte en Cidade de México.
Tras unha xuntanza mantida onte ás 17,30 hora
local (00,30 hora en Galicia) co secretario de economía do Goberno de México,
Ildefonso Guajardo, Feijóo constatou o interese por intensificar os canles de
diálogo institucional que permitan consolidar novas oportunidades de
investimento mutuo, aínda máis cando fai tan so unhas semanas que a UE e México
selaron un principio de acordo para renovar o Tratado de Libre Comercio. Un
alianza clave para Galicia e que supón incrementar as exportacións en eidos como
o lácteo e os seus produtos derivados.
“E tamén avaliamos o interese que ten México
por ampliar as súas compras de barcos nos próximos anos”, engadiu, referíndose
á estreita relación que Galicia mantén co país azteca neste campo, a través dos
investimentos do Goberno mexicano no estaleiro vigués Barreras e, tamén, a
través das relacións coa mariña mexicana e con outras grandes empresas
mexicanas para a construción de barcos na Comunidade.
Durante a reunión, Feijóo e Ildefonso
Guajardo analizaron ademais outros sectores onde ambas economías comparten
intereses como son: a automoción, o aeronáutico, o farmacéutico, o agroalimentario
ou o contract, así como o naval.
Non en van, o país azteca é hoxe un destino
consolidado no mapa das exportacións galegas, que se incrementaron nos dous
últimos anos máis dun 70%, con máis de 500 empresas que venderon os seus
produtos neste país en 2017. Ademais de ser o país de Latinoamérica que máis
produtos galegos está comprando.
Por último, o responsable do Goberno galego
quixo, tamén, na xuntanza, trasladar unha vez máis a solidariedade de todos os
galegos despois do terremoto que sacudiu o país fai oito meses.