Cidade de México (México).- O titular da Xunta, Núñez Feijóo, agradeceu
hoxe na súa reunión institucional co presidente dos Estados Unidos Mexicanos,
Enrique Peña Nieto, a súa confianza en Galicia durante todo o seu mandato,
reflectida especialmente na alianza estratéxica da Comunidade con Pemex.
Ao longo do encontro, que tivo lugar na
residencia oficial Los Pinos, Feijóo transmitiulle o agradecemento do Goberno
galego por apostar, nos momentos de dificultade, pola Comunidade, polas súas
empresas e a súa profesionalidade e experiencia, e pola súa capacidade de
traballo e compromiso.
Feijóo e Peña Nieto fixeron balance das
relacións entre México e Galicia durante os seis anos nos cales este último
ocupou a presidencia do país azteca. Cómpre recordar que os dous mandatarios se
reuniran na Cidade de México en abril de 2013.
Nesta liña, o responsable autonómico lembrou
que o presidente mexicano non só mostrou o seu firme compromiso cos acordos
alcanzados no naval senón que a cooperación entre ambos os territorios se
estendese a outros sectores económicos como a automoción, o lácteo, o téxtil, o
eólico ou as novas tecnoloxías. Non en van, neste período favoreceuse que
Galicia puidese incrementar as súas exportacións ao país americano que, nos
dous últimos anos, aumentaron máis dun 70%.
Feijóo quixo poñer en valor tamén a
importancia do novo Tratado de Libre Comercio entre a UE e México que, cando
entre en vigor, abrirá novas oportunidades para sectores estratéxicos de
Galicia como o agroalimentario, o naval e a automoción.
“En definitiva, é unha honra poder despedirme
do presidente nesta reunión bilateral cuxo mandato remata a finais deste ano ante
as próximas eleccións presidenciais que terán lugar no vindeiro mes de xullo”,
abundou.
Con esta xuntanza, o responsable do Goberno
galego pon fin a súa visita á Cidade de México, desde onde partirá cara ao
Estado de Oaxaca onde manterá novos encontros no eido institucional así como no
universitario.