O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que "Galicia
lidera a baixada do desemprego porque tamén lidera a estabilidade institucional
no noso país". Coñecidos os datos de paro do mes de abril, o número dous
dos populares destacou que estas cifras poderíanse resumir cunha idea moi
sinxela: “máis emprego e de maior calidade”.
Deste xeito, puxo en valor que teñamos un goberno autonómico que ten en
marcha plans de emprego centrados nas mulleres, nos mozos, e nos parados de
longa duración; e que, en definitiva, “traballa cada día por levar a
recuperación e a creación de emprego a todos os fogares galegos”. “Nós cremos
que estas son unhas cifras e unha tendencia que falan dunhas políticas laborais
e económicas acertadas, tanto por parte do Goberno central coma do autonómico”,
insistiu.
Cómpre indicar que, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o desemprego
caeu un 10,92% -22.338 parados menos, a maior caída de toda a serie histórica-;
Galicia foi a Comunidade autónoma na que máis baixa o paro en porcentaxe;
supera en máis de catro puntos o ritmo de baixada do resto do Estado e levamos
catro anos consecutivos creando emprego. Ademais, no que respecta ás condicións
de traballo, a contratación indefinida medrou un 32%, cuadriplicando o
crecemento da temporal; superamos en sete puntos o crecemento do resto de
España e as contratacións a tempo completo medraron máis dun 10%.
Interparlamentaria
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral tamén
anunciou que o Partido Popular de Galicia celebrará o vindeiro sábado día 12,
en Santiago, a súa interparlamentaria galega. Neste evento reunirase o grupo do
Parlamento galego cos deputados e senadores nacionais e co deputado popular no
Parlamento Europeo.
No acto, que se desenvolverá en xornada de mañá e estruturarase en mesas
redondas e entrevistas cos representantes nas distintas Cámaras, “falaremos e
reflexionaremos sobre o traballo feito, pero fundamentalmente sobre o que queda
por facer, tratando os temas que lle interesan aos galegos: Emprego e Industria
4.0, Educación e Política Social, do futuro das nosas institucións, de Galicia,
de España e de Europa”, apuntou.
Tras admitir que os demais partidos non poderían facer este tipo de
reunións, “porque ou non teñen representación noutras institucións ou non poden
sentar a deputados nacionais e autonómicos á mesma mesa”, Tellado subliñou que
“queda claro que somos un partido que ten pasado e ten un legado do que presumir;
que se preocupa do presente, da xestión do día a día e de solucionar os
problemas dos nosos veciños; e que traballa para entregarlle aos cidadáns o
mellor futuro que estea nas nosas mans”. “Volveremos poñer sobre a mesa que
somos un partido que entende a política desde as institucións, que é desde onde
se ten a capacidade de mellorar a vida dos galegos”, engadiu.
Os escándalos das Mareas
Por último, Tellado amosouse sorprendido sobre a situación que viven as
Mareas de Podemos, “que conseguiron en pouco máis dun mes ir a escándalo por
semana só cos deputados da súa lista por Pontevedra”.
“As Mareas de Podemos dixeron que viñan á política para representar á xente
do común e nós temos moitas dúbidas de que a xente do común en Galicia intente
intimidar a policías ou se dedique a circular con coches sen seguro”, aseverou
sinalando que, se esa é a idea que teñen de Galicia e dos galegos, “podemos
entender que os galegos non lles queiran dar a súa confianza”.
Nese senso, lembrou que primeiro Paula Quinteiro intentou intimidar a un
policía durante uns actos vandálicos, logo Juan Merlo dimitiu por inflar o seu currículo, máis tarde Xoán
Hermida -tamén por intentar intimidar a un policía local- dixo que dimitía,
despois non o fixo, e finalmente acabou facéndoo; e esta semana Julia Torregrosa recoñeceu ter un coche circulando sen seguro que se veu envolto nun
accidente con feridos, ao que ela denomina un “problema administrativo”.
“Desde o Partido Popular de Galicia estamos intrigados por saber se esta
trama, máis propia dunha telenovela, terá novos capítulos ou novas temporadas,
e se celebrarán unha por provincia”, ironizou Tellado, que recordou que o “caso
Quinteiro” segue sen pecharse e que o propio Villares bromea con non dar prazos
porque a última vez que o fixo humillárono os seus compañeiros. Departamento de comunicación