Lugo.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou
hoxe que a nova conexión ferroviaria que comeza a desenvolverse entre Lugo,
Monforte de Lemos e Ourense, a través dunha folla de ruta coñecida esta mañá en
detalle, reflicte o compromiso real, con prazos e con orzamentos concretos, coa
chegada da alta velocidade ferroviaria a Lugo, a través dun investimento de máis
de 1000 millóns de euros.
“Estamos a falar dunha completa planificación
que acredita a realidade con proxectos tecnicamente definidos e obras valoradas
e recollidas en orzamentos que aseguran a súa viabilidade máis alá do papel”,
aseverou. É sobre todo un compromiso palpable, un tren en marcha que circula xa
a través da variante da Pobra de San Xiao de Láncara e que supón o pistoletazo
de saída á renovación da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, explicou,
engadindo que esta actuación incidirá na comodidade, na velocidade dos
percorridos e na seguridade, coa eliminación dos pasos a nivel.
E confirma, ademais, a vontade de mellorar a
conexión con Madrid que comezou xa cun incremento de frecuencias entre Lugo e a
capital de España que se traduciu nun aumento de viaxeiros de case do 40%.
Cohesión territorial da Galicia interior
Durante a presentación da conexión
ferroviaria, Feijóo incidiu en que estender ata a provincia e a cidade de Lugo
os beneficios do AVE, a través dunha liña actual e competitiva supón, tamén, un
novo paso no obxectivo da cohesión territorial da Galicia interior.
Ao longo da súa intervención, o presidente da
Xunta recordou que con ese obxectivo da Galicia global, “tan unida por dentro
ben conectado por fóra”, os gobernos central e galego están a traballar
conxuntamente para impulsar melloras na rede viaria tan importantes como: a
Autovía do Cantábrico, en vías xa de solucionar os problemas derivados da néboa
no Alto do Fiouco; ou a Autovía Santiago-Lugo que ten xa todos os seus treitos
en obras ou en servizo; a vía de altas prestacións entre Lugo e Sarria, en cuxo
desdobramento xa se empezou a executar; ou a conexión entre Celeiro e San
Cibrao que continúa a desenvolverse na Mariña, agora coa súa extensión ata
Viveiro.
Un conxunto de actuacións que certifican un
compromiso coas comunicación desta provincia que debe continuar para garantir
unha óptima conexión entre Lugo e Ourense tamén por estrada, como acontecerá
coas actuacións anunciadas na estrada N-540.
Feijóo concluíu avanzando que, en canto o Goberno
local de Lugo traslade a súa conformidade, se subscribirá o convenio para,
entre as tres administracións, impulsar conxuntamente a estación intermodal que
situará esta cidade nas mellores condicións para conectarse coa alta
velocidade.