Pontevedra.- O Campionato do Mundo de Balonmán Júnior Pontevedra-Vigo 2019 foi declarado evento de interese xeral, subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores ao remate dunha reunión de traballo do comité organizador do Mundial celebrada hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta declaración é moi importante, indicou Lores, xa que abre a porta “a posibilidade de patrocinios privados, o que nos permitiría reducir custes”.
Na reunión estiveron o alcalde de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado David Regades; os concelleiros de Deportes de Pontevedra e Vigo, Anxos Riveiro e Manel Fernández; os presidentes da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez e da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro.
Ademais acordouse convocar un próximo encontro para o 14 de xuño. Nela constituirase o comité executivo, que estará formado dun xeito maioritario por técnicos, fixarase o protocolo de colaboración entre os axentes implicados na organización do Campionato do Mundo e aprobarase un orzamento inicial do evento.
Pola súa banda a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández concordaron en subliñar “o esforzo común” das tres administracións a prol dun evento deportivo que porá no foco ao conxunto da provincia e sobre todo as súas dúas grandes cidades: Pontevedra e Vigo.
O presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez destacou “o excelente ambiente” que atopou aquí “desde o minuto un” para acoller este gran evento deportivo. “Cando cumprimos 30 anos da celebración do Campionato, queremos celebralo gañando aquí, na nosa terra” indicou.
O Mundial de Balonmán Júnior 2019, que reunirá a 24 seleccións, terá lugar no mes de xullo do próximo ano, en dúas sedes: Pontevedra (Pavillón Municipal) e Vigo (Pavillón das Travesas). As instalacións deportivas foron avaliadas por unha delegación da Federación Internacional de Balonmán (IHF) o pasado mes de abril. Departamento de comunicación