Con motivo da celebración da Semana Verde
da Comisión Europea (Eu Green Week), a Consellería de Medio Ambiente
e Ordenación do Territorio celebra por primeira vez en Galicia esta cita cunha
xornada na que se abordarán os proxectos que desde Galicia se están a
desenvolver para mellorar as cidades e que estas sexan acordes coas iniciativas
que se poñen en marcha dende a Unión Europea.
Así, o Instituto de Estudos do Territorio
organiza para o vindeiro venres 25 de maio, a partir das 10:30 horas, unha
xornada sobre a Infraestrutura verde da área da Coruña, co fin de poñer en
valor un exemplo de planificación ambiental estratéxica nunha área urbana.
A Semana Verde da Comisión Europea é o
maior evento anual da axenda medioambiental de Europa, que se celebrará dende o
21 ata o 25 de maio, e este ano está dedicado ás cidades, coa finalidade de
explorar como a Unión Europea está contribuíndo a mellorar as cidades como
lugares para vivir e traballar. Baixo o título Cidades Verdes para un Futuro
Máis Verde, búscase destacar os avances en materia de calidade do aire,
auga, ruído, xestión de residuos, natureza e biodiversidade, así como de
implicar á cidadanía nesta visión dun futuro sostible.
Dentro do programa da EU Green Week, a
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza un evento
sobre a Infraestrutura Verde da Área da Coruña, como exemplo de planificación
ambiental estratéxica nunha área urbana.
Para dar conta do traballo realizado ata o
momento neste proxecto para área da Coruña, celebrarase unha mesa redonda na
que participará a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, o
director da área de Construción Sostible do Instituto Tecnolóxico de Galicia
(ITG), Óscar Martínez Lamigueiro, e o técnico da Asociación deDesenvolvemento
Rural (ADR) Mariñas Betanzos, Manuel Giménez Solla. Na xornada tamén se contará
coa participación do xefe da Unidade de Conservación do Medio Natural da
Axencia de Medio Ambiente e Sostibilidade, que centrará a súa intervención na
experiencia de definir unha infraestrutura verde a escala local, como é o
Camiño de Zaragoza.
Asemade, a subdirectora xeral de Meteoroloxía
e Cambio Climático, María Luz Macho Eiras, tamén intervirá nesta xornada para
explicar o traballo da Consellería de Medio Ambiente en relación coa Estratexia
Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.
As persoas interesadas en asistir ás
diferentes actividades gratuítas poden inscribirse no correo electrónico:
secretaria.iet@xunta.gal ou ben nos teléfonos 981 541 755/6.
Infraestrutura Verde da Coruña
A Infraestrutura Verde da Coruña é un proxecto
no que os concellos teñen un papel clave para canalizar as demandas cidadáns e
que debe basearse na colaboración intermunicipal para identificar o denominador
común entre eles. Unha infraestrutura verde busca planificar unha rede de zonas
naturais, seminaturais e doutro tipo de elementos ambientais que garantan a
provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade nestas
zonas.
A Xunta leva traballando neste proxecto
concreto da área da Coruña dende o ano 2017, no que se asinou un convenio de
colaboración coa Escola Galega da Paisaxe, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e
a ADR Mariña Betanzos para o deseño técnico desta infraestrutura verde.
Así mesmo, desde xaneiro deste ano, estase a
impulsar un sistema de gobernanza do territorio obxecto deste proxecto cunha
dimensión intermunicipal, que busca a cooperación entre concellos e Xunta, co
fin de garantir a sustentabilidade do territorio e facer fronte aos desafíos
ambientais. Recentemente, presentouse o documento Feitos, Retos e Propostas, no
que se recollen os primeiros resultados das entrevistas realizadas aos
concellos coruñeses que colaboran coa Xunta na elaboración da Infraestrutura
Verde da área da Coruña. Esta traballo desenvolvido cos municipios coruñeses
será integrado no documento técnico da estratexia, que estará listo este ano.
Trátase de definir un novo sistema de
gobernanza do territorio cunha dimensión intermunicipal, para o que é
imprescindible a cooperación entre concellos e Xunta, co fi de garantir a
sustentabilidade do territorio e facer fronte aos desafíos ambientais, cuxos
proxectos terán que abranguer a máis dun municipio.
A Xunta leva tempo traballando neste proxecto
concreto da área da Coruña e de feito, en abril deste ano, presentou o
documento Feitos, Retos e Propostas, no que se recollen os primeiros resultados
das entrevistas realizadas aos concellos coruñeses que colaboran coa Xunta na
elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña. Esta primeira fase
do traballo desenvolvido cos municipios coruñeses servirá de base para deseñar
o borrador da estratexia, que previsiblemente estará listo este verán.