A Coruña.- A Sociedad Científica Informática de España
vén de premiar, xunto coa Fundación BBVA, a dous investigadores da Universidade
da Coruña. O catedrático da Facultade de Informática Ramón Doallo Biempica
obtivo o Premio Nacional de Informática e o investigador David Vilares Calvo
foi premiado na categoría de Novo Investigador Informático.
O xurado premiou a Doallo na modalidade
Aritmel polas “súas sobresaíntes aportacións á arquitectura e tecnoloxía de
computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa
intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o
seu recoñecido liderado científico”. Pola súa banda, Vilares foi distinguido
“polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos
para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación
á análise de sentimentos en redes sociais”.
Os Premios Nacionais de Informática, que se
conceden desde 2005 con periodicidade anual, constitúen os premios máis
prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñaría Informática. A modalidade
Aritmel está dirixida a aqueles investigadores, menores de 55 anos, que
realizasen sobresaíntes aportacións científicas na área da Enxeñaría
Informática.
A modalidade de Novos Investigadores Informáticos está destinada a
distinguir traballos de doutoramento innovadores e relevantes. Búscase
recoñecer aqueles investigadores que contribúan ao relevo xeracional nesta
disciplina, así como ao seu estudo, fortalecemento e divulgación, premiando a
creatividade, orixinalidade e excelencia destes investigadores nos primeiros
anos da súa profesión.
Ramón Doallo
Ramçon Doallo Biempica,
doutor en Ciencias Físicas pola USC, é Catedrático da Facultade de Informática, pertence ao
Grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Enxeñaría de
Computadores. A súa actividade investigadora
centrouse no campo da Computación de Altas Prestacións, tendo tamén actividade
no ámbito dos Sistemas de Információn Xeográfica, neste caso con maior énfase
na transferencia de tecnoloxía.
No
primeiro campo, a súa actividade desenvolveuse nos tópicos de arquitecturas do procesador, supercomputación,
aplicacións da computación de altas prestacións, cluster computing,
comunicacións de baixa latencia, gráficos por computador e GPGPU, compiladores
para sistemas de altas prestacións e cloud computing. Dentro do segundo
ámbito, a súa actividade centrouse no desenvolvemento de sistemas de información
que utilizan datos xeorreferenciados nos ámbitos da planificación rural e
urbanística, apoio a sistemas de predicción meteorolóxica e oceanográfica ou
visualización masiva de datos LiDAR. En 2015, ingresou na Real Academia Galega
de Ciencias como Académico Numerario.
David
Vilares
David Vilares Calvo é licenciado en Informática pola
UDC. Investigador
do grupo LyS, Lingua e Sociedade da
Información, dirixido pola profesora da Facultade de Filoloxía Margarita Alonso
Ramos, presentou a súa tese de doutoramento do ámbito de Computación “Procesamento
composicional da linguaxe para a análise do sentimiento multilingüe” no ano
2017. Foi dirixida polos profesores Miguel Ángel Alonso Pardo e Carlos Gómez
Rodríguez e obtivo a cualificación de sobresaliente “cum laude”. Vilares Calvo
realizou estadías de investigación en universidades de Inglaterra e Singapur
cunha axuda de estadías predoutorais UDC-Inditex. Departamento de comunicación