O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, acompañaron esta mañá o alumnado do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela na súa visita ao XV Festival de Cans. Medio cento de rapazas e rapaces composteláns chegaron a esta festa do cine convidados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola propia organización do festival para presentaren a curta de animación en galego “A guerra dos números”, coa que gañaron a pasada edición do certame Nós tamén creamos!, inscrito no programa de dinamización lingüística homónimo, na categoría de 3º e 4º de primaria.
García Gómez incidiu na relevancia de “afacer os nenos e nenas a crear en galego empregando a linguaxe e os soportes audiovisuais que tan habituais van ser na súa vida cotiá”. Dirixíndose aos escolares, pediulles que “reparasen no moito que valoramos o voso traballo, tanto que vos propoñemos presentalo nun dos festivais de cine máis importantes de Galicia” e animou os escolares presentes “a seguir usando a nosa lingua para aprender e para divertirvos”.
Cans do Futuro
Os escolares do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago tiveron ocasión de presentar a súa curta “A guerra dos números” no agroglamouroso Festival de Cans. Ademais, percorreron as súas instalacions no xa famoso chimpín, viron diferentes curtas seleccionadas pola organización e conversaron coa directora Anxos Fazáns e co actor Antonio Durán “Morris”, que lles falaron dos segredos e complexidades do mundo do cine.
Todas estas actividades enmárcanse na sección Cans do Futuro, dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man o festival de cine. Cans do Futuro vénse desenvolvendo desde o 23 de maio ata hoxe.
De feito, o pasado mércores, tamén convidado por Política Lingüística, acudiu a presentar os seus filmes na mesma sección o alumnado gañador do certame escolar REC.Curta, que promove Escolas Católicas co apoio da Secretaría.
Magín Blanco en Minicans
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora no desenvolvemento da XV edición do Festival de Cine de Cans a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta última apoia dunha maneira especial as seccións dirixidas ao público máis novo, como Cans do Futuro e, xa o sábado, Minicans, na que colabora programando un concerto e unha retrospectiva de videoclips do famoso músico infantil Magín Blanco.
Nós tamén creamos!'
Nós tamén creamos!' é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con este programa, no que colaboran a Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQOeditora, escolares de educación infantil e primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.
'Nós tamén creamos!' fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; a alfabetización audiovisual; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en Internet. Nas próximas semanas resolverase unha nova edición do concurso para curtas de animación elaboradas coa técnica stop-motion que cada ano se convoca no marco deste programa de dinamización lingüística.