Madrid.- Galicia recibiu hoxe en Madrid dous recoñecementos
nos premios Fitur 2018, a Feira Internacional de Turismo celebrada o pasado mes
de xaneiro e onde a Comunidade galega tivo unha intensa presenza. Os galardóns
recoñecen a aposta do Goberno galego en dúas categorías: a de mellor expositor,
pola recreación dun pazo que realizou este labor, e a de mellor produto de
turismo activo polas Experiencias nos
parques naturais, unha oferta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente
e Turismo de Galicia.
Ao resolver o premio na categoría de mellor
stand entre as institucións e as comunidades autónomas, desde a organización de
Fitur salientouse o deseño da proposta galega, os materiais empregados na súa
execución e a atención ao público. O stand, que se estreaba nesta edición e que
está a ser empregada noutras feiras nas que Galicia participa, inspírase nun
pazo, reinterpretado segundo parámetros actuais, combinando tradición e
vangarda.
O Goberno galego elixiu nesta ocasión un pazo
polo seu simbolismo, convertendo así o stand nun fogar, mostra da acollida e a
hospitalidade que os galegos brindan aos visitantes.
No caso do Mellor Produto de Turismo Activo a
nivel nacional, concedido por Fitur e a revista AireLibre, distínguese a iniciativa das Experiencias nos parques naturais, un produto lanzado en outono que
constitúe unha ampla e variada oferta de aventuras e actividades de lecer nas
Fragas do Eume, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Parque natural Baixa
Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de
Carregal e Vixán.
Componse dunha vintena de propostas de turismo
sustentable, en liña co modelo formulado na Estratexia do turismo de Galicia
2020 pola Xunta e o sector, que van desde rutas ornitolóxicas e fotográficas,
sendeirismo, ciclismo ou equitación, a saídas en barco, kaiak, paddle surf e paddleboard, visitas a covas, aldeas ou adegas, dispoñibles todo o
ano.