O responsable do Goberno galego, Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do decreto de creación
da Comisión galega de control da violencia para erradicar as condutas
antideportivas en competicións oficiais no eido autonómico, provincial, local e
zonal.
Logo de precisar que este ente é unha das
previsións que incorpora a Lei de deporte de Galicia, polo que co seu nacemento
dáse continuidade ao desenvolvemento dun texto legal que potencia e promove o deporte
e os valores deportivos, Feijóo precisou que, coa creación deste ente, compleméntase
a actuación do Comité Galego de Xustiza Deportiva, xa que mentres este comité só
actúa ante incidentes violentos cando se produza unha denuncia, en forma de
recurso, a nova comisión poderá actuar de oficio, non só cando se revisen as
decisións das correspondentes federacións.
Este órgano estará presidido pola secretaria
xeral para o Deporte e contará cunha vicepresidencia e con 15 vogalías, que
incorporarán senllos representantes autonómicos das áreas de emerxencias e
educación, os xefes de servizo de Deportes en cada xefatura territorial, dous
colexiados ou xuíces deportivos, dous representantes das Federacións (unha da
que teña máis licencias e outra proposta polas federacións), dous deportistas
ou exdeportistas federados; dous expertos en prevención da violencia do
deporte, designados polas facultades galegas do ramo, e un representante do
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ademais dun secretario, que será un
funcionario autonómico.
E as súas funcións serán as seguintes: instruír
e resolver expedientes sancionadores cando se cometan infraccións recollidas na
Lei do deporte de Galicia; solicitar que o Comité Galego de Xustiza Deportiva
ou as autoridades pertinentes incoen expedientes sancionadores; elaborar
informes sobre as causas e efectos da violencia no deporte; publicar unha
memoria anual sobre a materia; elaborar e difundir programas de prevención e
loita contra a violencia no deporte; asesorar ás entidades deportivas galegas
ou aos organizadores de eventos deportivos sobre como previr a violencia; informar
sobre anteproxectos de lei ou outras normas referentes á área deportiva; aconsellar
ás entidades deportivas galegas para que inclúan un réxime disciplinario contra
a violencia deportiva; cooperar coa Comisión Estatal contra a violencia; e trasladar
á Fiscalía aquelas actuacións que puidesen constituír un delito.
O presidente da Xunta subliñou que a Comisión
Galega de Control da Violencia estará plenamente operativa antes do verán, co
obxectivo de que comece a funcionar na tempada deportiva 2018/19.
Deste xeito, o Goberno galego cumpre cunha
obriga normativa e dótase dun órgano específico para promover, salientou o
titular da Xunta, as boas prácticas no deporte e a prevención da violencia. “É un
interese dos máis 5.500 clubes que contan con preto de 300.000 deportistas
federados, e tamén é interese de todos os galegos que practican deporte”,
finalizou.