El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

SANTIAGO

José Ángel Docobo desvela os secretos do Universo nos Luns do Ateneo

03-06-2018 21:49:15
Cartel nos Luns do Ateneo.

Santiago.- Este ano cúmprense 75 anos da fundación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago e o Ateneo de Santiago quixo aproveitar esta celebración para convidar esta tarde a Os Luns do Ateneo ao seu director José Ángel Docobo. Na conferencia titulada “As estrelas e os seus sistemas planetarios”, que se desenvolverá a partir das 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, o catedrático de Astronomía tratará de que o público asuma a posición que ocupamos no Universo, entendendo que, posto que non somos o seu centro, probablemente tampouco sexamos “o cerebro” do mesmo. Deste xeito, Docobo explicará conceptos como a fotometría, a espectroscopía ou a paralaxe, falará da figura de Ramón María Aller, astrónomo galego introdutor en España do estudo das Estrelas Dobres, e levaranos ao mundo das investigacións máis recentes do Observatorio como é a descuberta de sistemas planetarios noutros soles grazas a técnicas como o Efecto Doppler. Como todos os actos de Os Luns do Ateneo, a conferencia rematará cunha quenda de preguntas por parte do público asistente, que poderá acceder libre e gratuitamente ata completar o aforo dispoñible.

José Ángel Docobo é Licenciado en Matemáticas e Doutor en Astronomía. En 1982 fíxose cargo da recuperación física e científica do Observatorio Astronómico da Universidade, que naquela época estaba nun estado lamentable, e dende entón é o seu Director. Coa súa incorporación o Observatorio converteuse en Centro colaborador da  actual Agencia Estatal de Meteorología e a día de hoxe é unha referencia mundial no eido das estrelas dobres  e múltiples. Docobo é membro da Comisión 26 (Estrellas Dobles y Múltiples) da IAU, fundador da Sociedad Española de Astronomía (SEA), Académico Correspondente da Real Academia de Ciencias de Zaragoza e membro da Red Española de Bólidos y Meteoritos. Tamén dirixe e promove varios programas e actividades de divulgación astronómica como TODOCOSMOS, que en 2015 recibiu por parte da FECYT a consideración de PRÁCTICA INNOVADORA EN CULTURA CIENTÍFICA.


Semana de libros e visitas no Ateneo de Santiago

O martes, o Ateneo de Santiago comezará a xornada no seu local social, situado na Praza de Salvador Parga, 4-2º, cunha nova sesión do seu Club de Lectura. Ás 17.30 horas os participantes que integran o grupo empezarán a analizar a última obra do programa, El pan a secasde Mohamed Chukri, a cal concluirán o vindeiro día 19 de xuño, despedindo así o Club de Lectura ata o mes de outubro. Esta novela autobiográfica (anteriormente publicada co título El pan desnudo) consagrou ao autor como unha das voces imprescindibles da literatura magrebí contemporánea, chegando a estar prohibida durante case dúas décadas nos países árabes.

A continuación, ás 19.30 horas na Librería Couceiro, presentarase o libro De Platón a Concepción Arenal de Antonio Moreno Castillo, onde, a raíz da frase “Odia el delito y compadece al criminal”, se afonda na moral platónica e se observa como nas obras de Concepción Arenal, consciente ou inconscientemente, se fai unha defensa radical da ética de Platón. No acto acompañará ao autor María Xosé Agra, catedrática da Facultade de Filosofía.

Para rematar a semana, o Ateneo de Santiago realizará dúas visitas: un Roteiro polo Santiago Modernista e unha visita guiada á Illa de San Simón e ao Castelo de Soutomaior. O roteiro, que estará guiado pola historiadora Maricarmen Sánchez Carrera, levarase a cabo o xoves e percorrerá edificios como o quiosco da música ou a gardería da Alameda así como as casas proxectadas por López de Rego, Fernández Ragel ou Franco Montes. Pola súa banda, na visita a San Simón, que terá lugar o sábado, os participantes farán pola mañá un percorrido pola Ría de Vigo dende Cangas, pasando baixo a Ponte de Rande, ata a illa, onde realizarán unha visita guiada para posteriormente regresar ata o Museo de Meirande, centro de interpretación da Batalla de Rande, o cal tamén visitarán. Antes do seu regreso a Compostela, terán a oportunidade de visitar as novas instalacións restauradas e os xardíns do Castelo de Soutomaior, conxunto arquitectónico, metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico do século XIX, formado por dúas torres unidas por un edificio habitable e un patio de armas, rodeados por unha dobre muralla. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias