O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, vén de expresar as súas condolencias polo pasamento de Benedicto García Villar finado hoxe en Compostela despois dunha longa enfermidade. O titular do departamento cultural do goberno galego expresou o seu recoñecemento “á figura de Benedicto, como fundador, xunto a Xavier del Valle, do colectivo Voces Ceibes, e como impulsor da Nova Canción Galega”.
Román Rodríguez, que tamén tivo palabras de lembranza e agradecemento ao músico falecido “pola súa contribución a Galicia como docente do sistema educativo galego” engadiu que “a música galega sempre terá unha débeda pendente con el, pola súa entrega, dedicación e xenerosidade”.