Galicia vén de despedir unha primavera moi
chuviosa na que se rexistraron un 78% máis de precipitacións do habitual para
esta época do ano. As chuvias dos últimos tres meses e en especial, as que se
recolleron no mes de marzo, converteron a estación na máis chuviosa que se
viviu na comunidade desde o ano 1961.
A directora xeral de Calidade Ambiental e
Cambio Climático, María Cruz Ferreira, fixo un avance esta mañá do informe de
MeteoGalicia sobre a pasada primavera, no que se atribúe esta situación ás
chuvias de abril e especialmente ás de marzo, un mes no que choveu máis do
triplo do habitual segundo os datos da serie histórica, concretamente un 262%
máis.
A variabilidade tamén estivo moi presente
durante a estación, sobre todo durante maio e abril, durante os que se
alternaron períodos moi fríos e húmidos con outros cálidos e secos.
Polo que respecta ás temperaturas, os
termómetros mantivéronse en niveis medios próximos á normalidade aínda que as
máximas se situaron por debaixo da media histórica. O máis rechamante neste
sentido foron os valores de marzo, un mes con temperaturas 2,3 graos máis
baixas do habitual que o converteron no máis frío dos últimos 34 anos.
En resumo, Galicia vén de pechar unha
primavera moi húmida, marcada pola alta variabilidade dos meses de abril e maio
e con temperaturas medias sen grandes anomalías aínda que con máximas máis
baixas do que cabería esperar.
Previsión para San
Xoán
Polo que respecta á previsión de cara á fin
de semana, María Cruz Ferreira avanzou que todo apunta a un San Xoán marcado
polas altas temperaturas, a sensación de bochorno e a posibilidade de
tormentas, sobre todo no interior de Galicia. Así, o verán arrincará la
comunidade cun tempo soleado e tipicamente estival, marcado por dúas variables:
a calor e os posibles episodios tormentosos.
Verán
Por último e con relación á previsión de
cara ao verán, a directora xeral de Calidade Ambiental explicou os modelos
apuntan a unha estación con tendencia á normalidade en canto á media.
Non obstante, os prognósticos mes a mes
tamén indican unha alta variabilidade polo que é bastante probable que o tempo
cambiante que marcou a pasada primavera se repita tamén nesta estación, con
períodos de moita calor seguidos por tormentas e outros máis frescos. En
calquera caso, Ferreira lembrou que, a medio prazo, só se pode falar de
tendencias meteorolóxicas xa que as predicións estacionais teñen unha baixa
fiabilidade.