O presidente da
Xunta, Núñez Feijóo, reunirase co presidente
da República, Marcelo Rebelo de Sousa, na visita ao país veciño que comeza mañá
luns. Esta xuntanza dá continuidade ás boas relacións que manteñen ambos os
mandatarios.
A axenda desta nova visita a Portugal inclúe reunións de carácter
económico, institucional e coa colectividade. Comezará na tarde do luns cunha
recepción no Centro Galego de Lisboa, un centro que xa visitou este mesmo ano,
no mes de marzo. Acompañado polo vicepresidente da Xunta reunirase coa xunta
directiva do centro e saudará aos socios.
A actividade do presidente da Xunta proseguirá o martes coa súa
participación nun encontro de empresarios organizado pola Cámara de Comercio e
Industria Luso Española, no que terá a oportunidade de estreitar a cooperación
cos axentes económicos portugueses e onde tamén intervirá o ministro do Planeamento e das Infraestruturas, Pedro Marques.